Joan Terol inaugura en Pontevedra os concertos de «Jazz no Principal»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O batería catalán ofrecerá previamente un obradoiro na sede do Seminario Permanente de Jazz

06 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Consolidado xa no calendario cultural de Pontevedra, este sábado (21 horas) arranca a edición número vinte do Jazz no Principal, todo un referente «á hora de mesturar a idea da música ao vivo, a profesionalización, o talento emerxente e a formación aberta a toda a cidade», destacaron dende o Concello.

Trátase dun «ciclo clásico, un ciclo que representa moi ben o espírito da Boa Vila, ese xeito de entender a cultura e a música, crear novas sinerxías e aproveitar as potencialidades que temos nesta cidade», resaltou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, en relación con esta cita promovida polo Seminario Permanente de Jazz (SPJ) en colaboración co propio Concello. «Jazz no Principal é un ciclo único que compaxina concertos con músicos consagrados co acompañamento do alumnado que se forma no SPJ e que permite xerar concertos non só espectaculares, senón únicos», engadiu na presentación desta programación ao tempo que puxo en valor a labor que desenvolve o SPJ na cidade como «unha constante na Boa Vila», que xera unha «experiencia única no país que funciona como a principal canteira deste xénero musical no país e de novos valores. Estamos realmente orgullosas do seu traballo», acotou acompañada por un dos organizadores do evento, Luís Carballo.

Este arrancará este mesmo sábado con Joan Terol e a banda de acompañamento do SPJ, conformada por Alberto Rodríguez, Javier Abraldes, Daniel Corral e Paco Charlín. Pola súa banda, o 20 de abril será a quenda de Gorka Benítez, quen estará acompañado por Helena Pardo, Luis Felipe Fernández, Fernando Blanco, Mauro Tissone, Jorge Ruiloba, Lolo Martínez e Alberto López.

Os concertos teñen unha entrada semisimbólica de 3 euros que poden adquirirse en www.ataquilla.com.

En paralelo, os mesmos días das actuacións, Joan Terol e Gorka Benítez dirixirán sendos obradoiros (11 horas) no antigo conservatorio e sede do SPJ. Neste caso con entrada libre ata completar cabida. Entregarase un diploma acreditativo a os asistentes.