Expertos internacionais debaten en Pontevedra sobre a sostibilidade dos museos

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM
Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM MUSEO DE PONTEVEDRA

Máis de duascentas persoas están inscritas no Encontro de Conservación e Restauración que organiza o Museo Provincial

22 nov 2023 . Actualizado a las 20:11 h.

Nos últimos anos, o tema da sostibilidade converteuse nun tema de debate recorrente nos museos de todo o mundo e, de feito, será o eixo sobre o que pivotará a doce edición do Encontro de Conservación e Restauración que organiza o Museo de Pontevedra este xoves e venres. Deste xeito, ao longo destes dous días, expertos nacionais e internacionais de museos, institucións e entidades privadas debatirán sobre como desenvolver prácticas de xestión, museografía e restauración respectuosas co medio ambiente.

Procedentes de Noruega, Países Baixos, Portugal e, claro está, España, os máis de douscentos inscritos, entre profesionais e estudantado, disertarán en torno a Museos sostibles? Xestión, museografía e restauración. En total están programadas once conferencias organizadas en tres bloques que se pecharán con cadanseu coloquio.

Este xoves pola mañá desenvolverase o primeiro bloque centrado na análise de propostas e o intercambio de experiencias e iniciativas de institucións públicas e privadas para establecer estratexias e criterios de sostibilidade na xestión do patrimonio cultural. A conferencia inaugural correrá a cargo do noruegués Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do Consello Internacional de Museos (ICOM), quen exporá como este organismo afronta o reto de definir un modelo sostible de museo e suxerirá un marco de acción compartido para as entidades que tentan abordar estes desafíos.

Posteriormente, intervirán Kim Kraczon, directora de materiais do Ki Culture de Amsterdam, unha organización que traballa por reducir a pegada ambiental da cultura, quen falará dos avances en materiais e métodos de embalaxe alternativos. Pola súa banda, Sonia Núñez Céspedes, do Museo Guggenheim de Bilbao, explicará a experiencia desta institución na busca dun sistema de xestión máis sostible e pechará a sesión Alejandro Silva Faci, un dos responsables do Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural, instrumento que acaba de publicar o Ministerio de Cultura.

Pola súa parte, a sesión vespertina analizará as prácticas museográficas sostibles coa presenza de representantes de tres empresas do sector especializadas en ámbitos cun importante impacto ambiental. Fernando Muñoz Gómez, CEO de Smart & Green Design, Miguel Ángel Rodríguez Lorite, consultor en iluminación de patrimonio histórico, museos e exposicións, e Antonio Di Francesco, técnico en manipulación de obras de arte exporán alternativas que reducen esa pegada.

Derradeiras sesións

O terceiro bloque, o do venres, estará centrado de maneira específica nas metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que minimizan a pegada de carbono, recursos tecnolóxicos que favorecen a conservación sostible e a atención a programas de mantemento e xestión de residuos. Intervirán Martha Lins Tavares, conservadora restauradora, investigadora colaboradora do CITAR (Centro de Investigação em Ciência e Tecnologia das Artes, Héctor Bolivar Sanz, investigador, sección de Biodeterioro do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE), Patricia Sanmartín Sánchez, membro do grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio cultural e natural (GEMAP) e Aina Vega Bosch, membro do equipo de investigacio?n para a xestión sostible e intervencio?n do Patrimonio Cultural da Universitat Polite?cnica de Vale?ncia (UPV).