«O que queira negar a Filgueira que se enfronte á realidade da súa obra»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O fillo do persoeiro das Letras Galegas 2015 da por pechada a polémica sobre o seu nomeamento

09 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana arrancou no Museo de Pontevedra o memorial dedicado a Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un anticipo e posta a punto da homenaxe que recibirá ao longo do vindeiro ano o humanista pontevedrés. Cando o pasado xullo a Real Academia nomeouno persoeiro do Día das Letras Galegas 2015, como «unha das figuras centrais da cultura galega do século XX», xerouse unha polémica arredor desta decisión polo seu pasado político na etapa franquista. O seu fillo Xosé Fernando Filgueira Iglesias (Pontevedra, 1941) da por pechada esa polémica, baseada en «falsas crenzas urbanas». Desde o agradecemento, pon o acento na defensa e recoñecemento da relevancia da obra do seu pai, que fan a propia RAG e as firmas do máis alto nivel do galeguismo.

-¿Esperaba esta polémica?

-Na nosa familia sempre dixemos que a Academia é soberana e estivemos absolutamente de acordo coas súas decisións os sete anos que foi proposto, cando non saíu por un voto e cando saíu por un voto. E esta vez pareceunos marabilloso. A polémica que saltou é a repetición das consignas dun grupo político que está mirando as cousas cunha perspectiva que, segundo o noso humilde criterio, é errónea. Pero eses erros de perspectiva política ou a crítica dunha situación concreta que pasou fai un montón de anos, a xente ten dereito a tela. Entón, esa polémica douna por pechada porque non ten sentido e non se van convencer doutra cousa. Estudosos de prestixio están a facer unha serie de traballos sobre a súa figura que se van a poñer de manifesto ao longo do ano 2015. E o que queira entender que entenda, o que queira ler que lea, o que queira convencerse do que é a historia que se convenza. Aos que non queiran, non os imos convencer.

-¿Pensa que, en certo modo, esa polémica será beneficiosa para acalar as críticas?

-Algúns mitos urbanos sobre a figura de Filgueira xa se están desmontando e outros se desmontarán ou non. Eu entendo que a súa obra vaise coñecer moitísimo mellor, que vai saír luz sobre algunhas cousas, que se deixarán de repetir certas lendas e se irá ao miolo da cuestión. A realidade é que non se pode negar o seu labor continuado por Galicia dende que era un neno ata que morre. Isto se manifesta na súa obra literaria, docente e institucional. Non hai, creo, en Galicia, unha figura que haxa pertencido, fundado, mantido ou potenciado tantas institucións e entidades vitais para a cultura galega, como o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Instituto Sarmiento, o Consello da Cultura Galega...

¿Que se está discutindo, entón?

-Alonso Montero subliñaba que cando lle deron as Letras Galegas a unha figura militante do Partido Comunista, a dereita non puxo o grito no ceo, nin lle pareceu horriblemente mal. O tema é que cando se lle da a unha figura nidiamente da dereita galeguista, resulta que se monta este cirio. Cada quen ten as súas figuras de referencia e, se para un grupo Filgueira non é exemplo de nada, pois, indubidablemente, non ten que basearse nel.

-¿Do que ten escoitado dos seus detractores, que é o que máis lle doeu?

-Eu estou moi contento dos defensores, dos que o apoian, todos firmas de alto nivel aos lle estamos fondamente agradecidos. Os detractores me preocupan pouco. Dicir que Filgueira foi falanxista é unha gran estupidez e dicir que a RAG vai ao son da música da Xunta é unha ignominia. Na Academia se sentan mais de trinta persoas que teñen as súas ideas político sociais, como todo o mundo, que teñen a súa critica literaria e de personalidade a prol da cultura galega de un grupo de candidatos. Este ano decidiron darllo a Filgueira con toda a soberanía do mundo. Cando nomearon a marxistas eran uns tipos estupendos e agora que nomean a un de dereitas son uns estúpidos. Pois, verdadeiramente, non.

-¿E o que máis lle congratulou do dito polos seus defensores?

-O que máis me congratula sempre é a defensa da realidade. Confórtanos moito ver que as institucións estean respondendo, que haxa xente interesada na publicación da obra e se estean a facer traballos. Hai un montón de xente de gran nivel intelectual que están defendendo a súa figura.

-¿Como persoa próxima ao BNG, que lle parece o desmarque do goberno local na celebración dos actos de homenaxe?

-Eu son galeguista de sempre. Militei no Partido Galeguista e apostei por Coalición Galega. Sempre me considerei un galeguista de nación que non é marxista. Hoxe os de centro progresista nacionalista non teñen partido, o cal non quere dicir que os que están defendendo ese tipo de ideas non foran do Bloque. O labor de Lores e a súa equipa en Pontevedra é encomiable, tanto gobernando eles só como co PSOE. E volvemos ás ideas de sempre. Penso que Anxos Riveiro expuxo una liña clarísima cando se coñeceu que Filgueira sería o persoeiro do Día das Letras Galegas, e despois o partido cambiou o rumbo. Eu non teño nada que entender con respecto a que o Bloque queira o non celebrar ou participar da celebración. Agradezo fondamente a Ana Isabel Vázquez e ao PP a moción que presentaron, e ao PSOE e á conselleira do grupo mixto que se houberan adherido a ela. A alcaldía e o grupo de goberno farán o crean conveniente para a súa situación política e social. Negarlle o pan e o sal á figura de Filgueira, premiada pola Academia, ao mellor é moi bo ou ao mellor é moi malo para eles.

-Unha das lendas desmontadas foi a traizón do seu pai a Bóveda. ¿Que supuxo para vostede que as dúas familias deixaran claro publicamente, en La Voz, que iso é falso?

-Eu agradecinlle moito a familia Bóveda e ao seu neto o que fixo. Creo que a cousa quedou suficientemente aclarada e tampouco quero afondar moito máis nese tema. Hai un poema de Pondal que di que as figuras dos pais ilustres emulen aos fillos. Eu non teño que defender ao meu pai de nada. Nin son meu pai, nin teño que pensar igual. As súas ideas están aí, fixo o que creu conveniente e eu non teño que darlle máis voltas. Filgueira Valverde morreu en 1996 despois dunha longa vida ao servizo do país e o que queira negar iso que se enfronte á realidade da súa obra, da súa vida e a súa historia. É o seu problema.

-¿Por que o seu pai non se defendeu deses ataques en vida?

-Un amigo del, Ferro Ruibal, que escribiu en La Voz a o seu favor e que eu agradézolle tamén moitísimo, como a todo o mundo, dicía que nunca lle escoitara falar mal de ninguén. Era a súa característica e non saíu a dicir nada. Ao mellor, desde o punto de vista de hoxe, tería sido bo que deixara un par de escritos dicindo como foron as cousas, aínda que non os publicara. Pero xa te digo, cando el non o fixo, por que imos nós a desenterrar armas.

-¿Esta homenaxe da Academia chega a tempo?

-As homenaxes sempre chegan a tempo. El dicía que era unha das persoas máis homenaxeadas de Galicia en vida e se sentía francamente recoñecido pola sociedade galega. Esta chega a tempo de que a vivamos os fillos, a xente que o coñeceu e traballou ao seu carón, para os que supón unha ledicia moi especial. Hai unha canción arxentina que di: ?Es lindo haberlo vivido para poderlo contar?.

xosé fernando filgueira iglesias presidente da fundación filgueira valverde

«A polémica que saltou é a repetición das consignas dun grupo político»

«Dicir que Filgueira Valverde foi falanxista é unha gran estupidez»

«Ao mellor tería sido bo que deixara un par de escritos dicindo como foron as cousas»