O Carballo de Padroso, homenaxeado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

XUNQUEIRA DE AMBÍA

14 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Padroso é unha pequena aldea do concello de Xunqueira de Ambía (Ourense), e o Carballo, xa inmortalizado, amosa a súa fortaleza e a súa frondosidade nun monte propiedade de Bieito Ledo, que é quen ideou e organizou a homenaxe a este petrucio monumento botánico. Arredor da súa nobre e poderosa figura, reuníronse o día 8, á tardiña (como nos vellos ritos céltigos), poetas, fotógrafos, ensaístas, músicos, cantantes e ecoloxistas para tributárenlle unha homenaxe a este Carballo. Algúns das decenas e decenas de homenaxeadores colaboraban, en verso ou en prosa, no libro de 126 páxinas O Carballo de Padroso (Ir Indo Edicións, 2023). De Bieito Ledo, o editor, é o breve e significativo limiar que finaliza cunha fórmula en latín que sería moi grata a don Ramón Otero Pedrayo: «Ad maioren Galliciae gloriam!». Como epílogo, o editor incorporou un vello relato de Luís Moure Mariño que interesará a unha especialista na espiritualidade da paisaxe galega como María López Sande.

Os poetas do volume (Luís González Tosar, Stella Maris, Eladio Rodríguez, Marina Sánchez...) leron os seus textos, quenda na que tamén estiveron presentes O Fistor de Ventonsela (tanxencialmente antimonárquico) e o músico Maurizio Polsinelli, que xa se incorpora, pola porta grande, á nómina de poetas alófonos en lingua galega. A presentadora, extraordinaria, Marina Sánchez, e o propio Bieito fixeron mencións gabanciosas aos prosistas do volume (Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Benito Reza, Afonso V. Monxardín, Modesto Hermida, Anxo Rajó...). Algúns oradores evocaron un dos grandes poemas de Rosalía de Castro, Los robles (1884), no que figuran versos pioneiros («Torna roble... a poblar nuestros bosques»). Espírito máis ou menos semellante houbo nas cancións de Armando González e Carmen Penín, que cada vez compón e canta mellor. Clausurou o acto, con palabras moi atinadas, o alcalde de Xunqueira de Ambía José Luis Gavilanes.

Nunca, que se saiba, nin dentro nin fóra de Galicia, un carballo fora homenaxeado deste xeito. Lonxe dos polémicos eucaliptos, constituíu unha homenaxe, ademais de ecolóxica, estética e moral.