Begoña Vázquez

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Santi M. Amil

11 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro ben á avoa Araceli, nai da miña nai. Discreta, bondadosa, sempre cun sorriso adolescente nos labios. O seu cabelo de prata, peiteado e luminoso, e as súas mans revoando como pombas no lume da lareira. Nas potas. Entre cacharros. Como unha alquimista que aderezaba, adobaba, probaba e removía con culler de pau. Cociñaba con delicadeza e agarimo, lenta, serena. Quizá a cociña sexa un acto de maxia (a dos alquimistas) e de amor, simplemente. «Begoña Vázquez. Cociñeira Galega 2024», titulaba a portada de La Voz de Galicia o pasado luns. Como un lóstrego, apoderouse de min a emoción. Pertenzo a esa clase de xente que ve nos éxitos dos verineses (vástagos desta comarca enfeitizada) os seus propios éxitos. Begoña Vázquez é agora mesmo a gran alquimista da miña tribo. A feiticeira maior. Unha maga. Plena de talento foi quen de edificar, paso a paso, os seus propios soños. Non lle resultou fácil. Porén, con tesón e entrega, fixo dos seus fogóns un soneto gastronómico. Comer no Regueiro da Cova, o seu restaurante, alimenta alma e corpo. Innovadora, creativa, entusiasta. Pero cos pés na terra (iso que agora denominan «territorio»). Porque a terra posúe presenza e candor nos seus pratos. Negouse a fuxir de Verín, antano vila de esplendor económico e hoxe atada a un futuro que parece máis breve cada día. Porén eu négome a crer que non veña un porvir de trigo e flores e boaventura. Négome porque hai persoas como Begoña: tenaces, emprendedoras, incansables. Recoñecela como mellor cociñeira galega énchenos (a Nós) de orgullo e alegría. Ela é o espello do futuro fulgor. Do cabelo de prata daquelas que cociñaban nas lareiras. Cociñaban co corazón, como Begoña.