Sandiás pecha a mostra «Cadernos da Limia» con libros e cine

La Voz OURENSE

SANDIÁS

Presentación de Antela Editorial en Sandiás
Presentación de Antela Editorial en Sandiás Cedida

A presentación de Antela Editorial e o pase dunha película, con música en directo de Caspervek, protagonizaron a xornada

14 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Sandiás pechan este domingo a exposición «Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria», un proxecto fotográfico de Blas González. O obxectivo do mesmo era explorar a identidade limiá e a súa relación coa paisaxe a través dos retratos de máis de cento trinta persoas da comarca. A mostra abriuse ao público o 18 de novembro pasado e pecha este domingo, día 14 de xaneiro. Ao longo destas semanas fóronse desenvolvendo varias actividades paralelas.

Para celebrar a clausura da exposición organizouse unha xornada de actividades na Casa da Cultura de Sandiás. A mesma contou con dúas propostas centrais. Pola mañá contouse coa presenza dos responsables de Antela Editorial, que foron os encargados de dar a coñecer o proxecto, os títulos que xa levan publicado e atender as demandas das persoas que participaron no encontro en relación á súa actividade. Antela Editorial é unha iniciativa nacida na Limia e está centrada na literatura infantil, contando no seu catálogo con títulos que inciden en temas como o coidado do medio natural, a aceptación do outro ou o valor da amizade. A proposta pasa por «crear historias marabillosas e fermosas ilustracións para entreter e educar a sensibilidade dos rapaces».

Pola tarde, tamén na Casa de Cultura de Sandiás, contouse cunha sesión de cine mudo con música en directo. A película escollida forma parte dos clásicos da historia do cine -«El maquinista de la General», de Buster Keaton- e a proxección das imaxes estivo acompañada pola música en directo interpretada polo grupo Caspervek.