Ourense acolle unha gala dos Mestre Mateo que chega con «O corpo aberto» como a película máis nominada

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A serie «Rapa», que compite en dezanove apartados, foi a máis votada das 194 obras a concurso

11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio de Ourense acolle esta noite a gala dos premios Mestre Mateo, os galardóns creados polo Academia Galega do Audiovisual. A gala, que comeza ás 22.00 horas, volve á cidade —xa se celebrou no mesmo escenario no ano 2011— grazas ao acordo de colaboración entre a AGA e a Deputación de Ourense.

O corpo aberto, en longametraxes, e Rapa, no apartado de series, son os traballos que chegan a esta cita co maior número de nominacións. A película de Ángeles Huerta, que toma como base un dos contos de Xosé Luis Méndez FerrínLobosandaus, do libro Arraianos— chega á cita desta noite con dezaseis candidaturas. Rapa, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, foi o traballo máis votado polos académicos dos 194 que se presentaron este ano aos Mestre Mateo e conta con dezanove nominacións. Dúas producións de Voz Audiovisual, A lei de Santos e Saudadede ti, compiten tamén na categoría de mellor serie de ano. 

Código Emperador, con presenza en oito apartados, e Unicorn Wars, en seis, son os outros títulos destacados. Dous son os directores con maior presenza no listado dos que optan a galardóns: Alberto Vázquez e Jorge Coira contan con tres candidaturas finalistas cada un deles. Como cita previa á gala central desta noite, a Academia Galega do Audiovisual xa entregou hai un días varios premios especiais nunha xuntanza de finalistas celebrada en Allariz.

No caso de Rapa, Lucía Veiga e Mónica López optan ao premio á mellor interpretación feminina protagonista e Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado á mellor interpretación feminina de reparto. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista. No caso de O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey compiten nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas na de intérpretes protagonistas. Luis Tosar está en protagonistas por Código Emperador e Manuel Manquiña por O home e o can.