A asociación Avantar celebra 50 anos de traballo pola lingua e a cultura no Carballiño

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

u.c.

A entidade organiza un programa especial de actividades con roteiros, mesas redondas ou unha gran gala

17 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1974, a asociación cultural Avantar comezaba a súa actividade e 50 anos despois, atravesando «tempos escuros», segue querendo revitalizarse. A entidade, conformada agora por unhas 25 persoas, presentou un programa de actividades para celebrar medio século de vida co obxectivo de darse a coñecer entre a xente nova do municipio do Carballiño. Organizan mesas redondas, roteiros e unha gran gala.

A tesoreira da asociación, Rene Forneiro, xunto ao concelleiro Diego Fernández, anunciaron onte os próximos actos organizados pola entidade. O 50 aniversario comezará o 22 de abril ca palestra «Espertando conciencia de nación», na que participarán algúns dos membros que formaron parte de Avantar ao principio. Como homenaxe, lembrarán a historia e os primeiros anos de vida da asociación. Participan Felipe Senén, César Varela, Xan Afonso e Ana Isabel. Será na Casa da Cultura as 20.30 horas.

A seguinte gran actividade será un roteiro de Manuel María, os días 23 e 24 de abril. Ata agora, organizaban esta iniciativa con escolares pero queren amplialo á xente adulta, «para que coñezan os diferentes fitos que temos no concello», engadiron. Tamén organizarán un programa especial sobre o pasado, presente e futuro de Avantar ou unha mesa redonda sobre fútbol e cultura.

Ao mesmo tempo, continuarán cas actividades tradicionais. Son por exemplo a foliada, o 25 de maio; a iniciativa Tasca e Literatura, que será unha en primavera, outra en outono e outra en inverno; ou o clube de lectura, que se reúne o último sábado de cada mes. Procurarán reivindicar la celebración tradicional de Samaín, ca lectura de textos de Castelao, ou manterán o seu compromiso con datas como o 8M ou o 25N con diferentes campañas.

O acto central do 50 aniversario será unha gala o 6 de xullo no auditorio municipal. Contando ca colaboración de diferentes entidades culturais, buscan realizar un evento reivindicativo e conmemorativo pola xente que formou parte da entidade, a que está agora e os que estarán.