«En Celanova, case todo o mundo ten un familiar que tocou na banda de música»

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Fernando Martínez, presidente da asociación de amigos da banda de Celanova
Fernando Martínez, presidente da asociación de amigos da banda de Celanova MIGUEL VILLAR

Fernando Martínez será presidente da asociación de amigos da banda de Celanova catro anos máis, para os que prepara proxectos de gran calado

16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de amigos da banda de música de Celanova renovou por outros catro anos máis a Fernando Martínez como presidente. Un celanovés que non é músico pero si veciño e pai de músicos. Defende a importancia social e cultural para o municipio da banda con máis de 170 anos de historia e da escola. As súas metas son ampliar proxectos de maior calado.

—Que balance fai dos primeiros catro anos?

—Moi positivo. Os primeiros anos a pandemia mantivo a escola con medidas pero cando se foi relaxando puidemos ir facendo proxectos. Como por exemplo a iniciativa «Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez».

—Sumouse xente á escola ou á banda?

—Conseguimos mantela. Na escola de música estamos entre 180 e 200 alumnos e a banda está composta por 60 persoas. Necesitamos xente cativa pero non é fácil porque cando se van estudar fóra abandonan a banda, pero polo menos non houbo baixas.

—Hai xente nova na banda?

—Das 60 persoas, 40 son menores de 20 anos, unha ducia delas teñen entre 30 e 50 e hai varios de máis de 80.

—Que proxectos ten para os próximos catro anos?

—Manter o bo que se fixo antes, que se traballou moi ben, e darlle algún matiz diferente a algunhas iniciativas de maior calado que quedaron no aire ou facer outro tipo de proxectos musicais. Queremos continuar coa Big Band, a Chiqui Band, os grupos de cámara ou levar a iniciativa «Emocións» a outras provincias, a cidades como A Coruña.

—Como rematou como presidente?

—Non son músico pero os meus fillos si que van a escola. Comentáronme se quería ser presidente da asociación e animeime. O máis importante e o mérito foi buscar un bo equipo co que traballar.

—Que importancia ten a banda de música para Celanova?

—É un piar a nivel cultural. Foi contemporánea de Curros Enríquez, un xigante das letras galegas. Estaba por Celanova cando a banda daba os seus primeiros pasos. Pensar que ven dende aí pon os pelos de punta. A nivel social, fai unha gran labor. Case todo o mundo ten un familiar que tocou na banda e é un complemento educativo moi imporante, dando formación a unhas 200 persoas. Dálle a oportunidade aos nenos que queren dedicarse a música, é un bastión cultural.