Raigame dedicará a romaría etnográfica do Día das Letras Galegas ó oficio tradicional dos «dulceiros»

La Voz

CELANOVA

Romería Raigame, en Vilanova dos Infantes
Romería Raigame, en Vilanova dos Infantes Santi M. Amil

O prazo de inscrición dos artesáns estará aberto ata o día 17 de marzo

20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquelas persoas que desexen participar coa demostración de antigos oficios, traballos artesáns ou outro tipo de actividades de venda de produtos tradicionais ou gastronómicos na Romaría Etnográfica Raigame, poden descargar dende hoxe o formulario de solicitude e as normas que regulan a participación na súa web e nos enlaces do Concello de Celanova, así como nas redes sociais.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 17 de marzo. Será a partir de aí cando a organización escollerá ós participantes, tendo en conta o postulado nas normas de inscrición e nos criterios de selección. A Romaría Raigame centrará a actividade e o protagonismo da xornada deste ano no antigo oficio dos «dulceiros», polo que convidará a participar a unha representación de artesáns que traballan a docería por tódalas comarcas, co fin de ofrecer unha visión de conxunto da riqueza gastronómica existente en Ourense no sector dos doces. Sinalan que esta tradición se conserva moi viva en moitas localidades da provincia.

Por outra banda, o obxectivo de Raigame é consolidar a participación da veciñanza de Vilanova dos Infantes no engalanado de fachadas, corredores e galerías. E para que os veciños se impliquen na mellora estética do núcleo vilanovés durante toda a xornada, a organización convocará de novo o concurso de decoración. Ademais, simplificaranse os certames de vídeo e de fotografía, ampliando os mesmos a todas as persoas que desexen participar a través das redes sociais da romaría.

Todos os 17 de maio, Día das Letras Galegas —que este ano homenaxea á coruñesa Luisa Villalta—, Vilanova dos Infantes convértese no epicentro da festa na provincia ourensá.