Un libro, unha flor e un conselleiro

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O conselleiro José López Campos conversa con Ángel Perotti, da libraría Zampacontos
O conselleiro José López Campos conversa con Ángel Perotti, da libraría Zampacontos Santi M. Amil

José López Campos, o titular de Cultura, Lingua e Xuventude, escolleu a celebración do 23 de abril para realizar a súa primeira visita a Ourense

23 abr 2024 . Actualizado a las 20:13 h.

O Día do Libro chegaba a Ourense cun escenario diferente. O Concello anunciaba a finais de marzo a súa decisión de non permitir a celebración de feiras ou actividades que levasen consigo a instalación de casetas na rúa do Paseo e a Asociación de Libreiros da cidade tiña solicitado, dende xaneiro, a colocación da súa tradicional carpa do 23 de abril para celebrar a data na que divulgan o libro, se aplica o desconto tradicional da xornada e se agasalla aos compradores co caravel vermello propio deste día. Finalmente non puido ser, e as dez librarías que participaron este ano na xornada tiveron que instalar os seus postos na rúa Cruz Vermella, no espazo entre o Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense.

Un emprazamento novo que contou co valor engadido de ser o primeiro destino do recente nomeado conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Ourense. José López Campos visitou os postos dos libreiros ourensáns, conversou cos mesmos e con clientes, representantes dalgunhas institucións ou entidades presentes no lugar e con algún artista ourensán.

Unha primeira visita á provincia na que contou cun vello amigo como anfitrión. O conselleiro achegouse aos postos do Día do Libro logo de visitar a Deputación e fíxoo na compaña do presidente da entidade, Luis Menor, amosando ámbolos dous a amizade e estreita relación forxada nos anos de traballo en común.

Menor lembrou que a data era importante para el no persoal e no profesional. «É un día especial para min por acoller o primeiro acto do conselleiro na provincia. Con José tiven a honrar de participar en moitas actividades durante case catro anos, el como alcalde de A Estrada e eu como director da Academia Galega de Seguridade», lembrou. Ademais de desexarlle os mellores éxitos asegurou que o departamento que dirixe vaise ver potenciado. «Estou seguro que imos sacar adiante moitos proxectos xuntos e que vai dinamizar aínda máis a Consellería», sinalou.

José López Campos incidiu no simbolismo e importancia da convocatoria. Tamén no compromiso da colaboración entre institucións. «Eliximos este día para celebrar e centralizar en Ourense todo o que se está facendo arredor do mundo do libro e das publicacións en toda Galicia. Non podemos esquecernos de que o sector cultural move máis do 3 % do PIB galego, xera máis do 3,6% dos postos de emprego na comunidade e creo que ademais temos que seguir potenciando ese eido, sobre todo co efecto multiplicador que temos entre institucións como é a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense», sinalou o titular de Cultura, Lingua e Xuventude.

José López Campos desprazouse logo a O Carballiño para compartir cos escolares a xornada. Na Insua dos Poetas animou aos máis novos a gozar de todas as iniciativas ao redor do libro e a lectura —«Vías de expansión da identidade cultural de Galicia»— e lembrou que o índice lector na comunidade se sitúa no 61,3 %, o que representa un 1,4 % por riba da media estatal.

 Do AVE aos contacontos

O Día do Libro trouxo consigo unha chea de iniciativas. Nas unidades de Pedriatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco desenvólvense actividades estes días; a Deputación agasallou onte aos viaxeiros do AVE co libro Ourense, muy cerca; a Nós e Barbadás tiveron contacontos e en Ribadavia acolleron o espectáculo Animaladas. Foron só algunhas das propostas da xornada do 23 de abril.

O menú infantil levou un marcapáxinas con código de acceso ás librarías
O menú infantil levou un marcapáxinas con código de acceso ás librarías

No servizo de Pediatría da área sanitaria as bandexas do almorzo levaban este martes un marcapáxinas cun código QR que dá acceso ás librarías da agrupación de libreiros e unha listaxe de obras recomendadas.