Serxio María Rodríguez Álvarez: «Sería complicado reivindicar hoxe a Piñeiro e Risco dende o político»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Quen son. «Un misto, do Couto Misto, neto e fillo de mistos; e con moita honra. Son un galego apaixoado pola historia política e, no plano ideolóxico e político, un humanista convencido. Para min o importante é situar sempre ás persoas no centro do que se faga e respectar a súa peculiaridade. No noso caso a mesma é a de sermos galegos. Son unha persoa boa, crítica e reflexiva».
Quen son. «Un misto, do Couto Misto, neto e fillo de mistos; e con moita honra. Son un galego apaixoado pola historia política e, no plano ideolóxico e político, un humanista convencido. Para min o importante é situar sempre ás persoas no centro do que se faga e respectar a súa peculiaridade. No noso caso a mesma é a de sermos galegos. Son unha persoa boa, crítica e reflexiva». Sandra Alonso

Galaxia editou o ensaio do investigador sobre o pensador e filósofo lugués

10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Risco acollerá o próximo venres, día 15, a presentación do ensaio O pensamento político de Ramón Piñeiro. A obra, editada por Galaxia, é un traballo de Serxio María Rodríguez Álvarez (Ourense, 1996), politólogo e historiador que xa ten desenvolvido achegas a figuras e traxectorias como as de Vicente Risco, Ramón Piñeiro, Joan Fuster, Jordi Pujol ou Manuel Fraga, entre outros. Cursou estudos de Dereito e Ciencias Políticas e de posgrao en Historia Contemporánea —na especialidade de Historia Política e dos Nacionalismos—. Na actualidade Serxio María Rodríguez Álvarez desenvolve o seu labor de investigación ao abeiro do grupo Hispona (Historia Política e dos Nacionalismos) e é bolseiro no Parlamento de Galicia.

—Por que Piñeiro?

—Como politólogo tiña un interese intelectual na súa figura como unha das referencias para comprender o sistema político de Galicia. El xogou un papel na vertebración do mesmo e a miña achega parte dende o traballo académico, como antes fixen con Alfredo Brañas ou Manuel Murguía, entre outros.

—Foi unha figura tan querida como rexeitada. É alguén a revisar?

—Xogou o seu papel é segue a ser unha persoa cunha traxectoria moi valorada. Tamén é certo que dentro do nacionalismo é unha figura moi criticada e rexeitada. El tiña a súa idea de Galicia como país e loitou por ela e mesmo por galeguizar os partidos políticos estatais. Para Piñeiro o escenario ideal era que houbera dous, tres ou catro partidos nacionalistas e os outros —el foi deputado do PSOE como independente— cun proxecto galego con autonomía dentro da súa orixe estatal. El foi un pensador e filósofo e está claro que, como pasa moitas veces, da acción ao pensamento hai contradicións. Beiras e Ferrín, que foron discípulos, remataron sendo os seus principais críticos.

—Non son poucos os que ven na falta dun proxecto galego a baixada do PSOE nas autonómicas.

—É evidente que nese apartado Ramón Piñeiro fracasou. Aínda que é un síntoma do país: o nacionalismo faise máis en clave local e os políticos dos outros partidos o que desexan é que os tomen en consideración en Madrid. A diferenza de Cataluña e Euskadi —cunha importante burguesía e figuras políticas que traballan para poñer as súas cidades e comunidades nun lugar de referencia no Estado— en Galicia os políticos aspiran a facer carreira en Madrid e a súa axenda non é galega. Montero Ríos, Calvo Sotelo, Fraga, Rajoy ou Feijoo son só algúns exemplos.

—Prologou a edición comentada da «Teoría do nacionalismo galego» no seu centenario. Risco é outra figura a revisar?

—A obra segue a ser un referente, ao ser inicialmente a que define o nacionalismo e a que fixa unha idea de país. Que apoia e defende Castelao. E aínda que logo o seu percorrido xa é outro, ese concepto segue vixente cando se crea a autonomía. No caso de Piñeiro el foi un estratega relevante e definiu un concepto de nación alternativo. Apuntouno nos seus escritos, pero non o elaborou. Risco e Piñeiro son figuras destacadas do século XX, aínda que sería complicado reivindicalas hoxe dende o punto de vista ideolóxico. Nesta altura, no 2024, é o momento de reelaborar outro pensamento político para Galicia.

—Ten abordado, de forma maioritaria, nomes da dereita. Non lle chama cambiar de ideoloxía?

—Hai máis traballo que desenvolver na dereita. De feito está pouco estudada. Se vostede se fixa non hai unha biografía crítica sobre Fraga, ou mesmo de Pujol. Teño abordado traxectorias como a de Arzalluz, e mesmo o caso do PNV en perspectiva comparada. Tamén os de Coalición Galega e Convergència i Unió (CiU) ou o das figuras de Piñeiro e Joan Fuster. En todo caso, o que me ocupa é a historia do nacionalismo, por puro interese académico.

—Traballa nalgún proxecto?

—Sigo coa miña tarefa investigadora dentro do grupo Hipona, que está adscrito ao departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC, baixo a titoría de Xosé Manoel Núñez Seixas. E continuarei desenvolvendo á demanda estudos sobre a dereita política.

«Pasei da política partidista ao interese polo pensamento político»

Confesa o autor do ensaio sobre Piñeiro que na súa etapa universitaria sempre sentiu unha especial inclinación cara aos asuntos políticos e que dende novo comezou a sentirse atraído pola literatura galega e, especialmente, a prosa política. Sinala a influencia de profesores como Ramón Máiz, Xosé Luis Barreiro Rivas, Ramón Villares ou Núñez Seixas á hora de espertar nel o interese polos asuntos políticos dende unha perspectiva académica. Tamén se implicou na práctica, con responsabilidades nas xuventudes do PP. Serxio María Rodríguez Álvarez chegou a ser presidente das mesmas en Ourense, abandonando a militancia no 2019 «tras o meu desencanto político e ideolóxico coa chegada de líderes como Pablo Casado e Díaz Ayuso».

—Deixou a política ou foi ela quen se afastou de vostede?

—Tiven un interese perenne, porque sigo vencellado a ela. Cheguei á conclusión de que non estaba preparada para pensarse a si mesma senón que estaba concibida como unha profesión máis. Creo que hai un exceso de partidismo e un déficit importante de reflexión. Por que a deixei? Por non identificarme cos postulados da formación na que militaba —tampouco con outras por iso non din o paso de irme a outro partido— e polo volume de proxectos pendentes. Digamos que pasei do interese pola política ao interese polo pensamento político.

—Non lle chama volver agora que Feijoo lidera o PP estatal?

—Son galeguista no plano do pensamento político. Galicia para min é a medida de todas as cousas e non tería problema en definirme como nacionalista. Creo que Alberto Núñez Feijoo é un líder político que nos defraudou a moitos no seu momento e a marcha a Madrid vén a demostrar que o seu compromiso é consigo mesmo e non con Galicia.

Unha paixón confesada e unha aposta polo futuro do Couto Misto

Aínda que ourensán por nacenza, o politólogo e historiador é un apaixoado polo territorio que no seu día foi un espazo de liberdade entre Galicia e Portugal. De alí é unha parte da súa familia e a Serxio María Rodríguez Álvarez dóelle que non haxa unha implicación e un compromiso das administracións acorde co potencial, a riqueza e a historia da zona. No 2021 promoveu a creación da Iniciativa polo Couto Misto (ICM).

—Por que «Misto» e non «Mixto»?

—É a forma tradicional que se empregaba na zona, a denominación portuguesa de Couto Misto, e son partidario da mesma.

—Que é a ICM?

—Ten como obxectivo dar a coñecer á xente da miña xeración, e ao público en xeral, todo ese capital simbólico que temos alí e promocionalo nas redes sociais. Temos promovido a divulgación histórica e etnográfica, así como tentado construír o imaxinario simbólico do Couto Misto como motor económico da Raia Seca e da fronteira oriental galego-portuguesa. Temos un territorio que é unha xoia con grandes potenciais que está esquecido polas clases políticas. É un imperativo poñer en valor o tesouro que existe no Val de Salas.

—Cre que non se está a potenciar a zona como se debería?

—Fálase moito da Galicia rural pero faise pouco. O territorio non está vertebrado e semella que non cambiou gran cousa con respecto ao século XIX. Hai colectivos ou persoas que fan un traballo extraordinario, como a Asociación de Amigos do Couto Mixto ou García Mañá, e mesmo se teñen proposto iniciativas como unha eurocidade para implicar aos dous estados. As administracións teñen que colaborar máis e aproveitar esta riqueza.

—Están a traballar na singularidade do entroido.

—A intención é recuperar figuras propias da zona —os parroufeiros do Couto Misto— e outros próximos como os mardalleiros de Vilar e os Fargalleiros de Feás —os dous das aldeas de Salas—.

—Ten traballado alí de animador sociocultural. Acude máis xente agora á zona?

—Hai un incremento importante de visitantes de Portugal, porque lle están dando un gran valor á historia do Couto Misto, e Montealegre fai unha aposta forte. Van moi por diante de nós.

Quen son.

«Un misto, do Couto Misto, neto e fillo de mistos; e con moita honra. Son un galego apaixoado pola historia política e, no plano ideolóxico e político, un humanista convencido. Para min o importante é situar sempre ás persoas no centro do que se faga e respectar a súa peculiaridade. No noso caso a mesma é a de sermos galegos. Son unha persoa boa, crítica e reflexiva»