Víctor Rodríguez Muñiz: «Sobrado de Trives e Ramirás foron os mosteiros femininos máis poderosos»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo
Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo Santi M. Amil

O arqueólogo tese reivindica na súa tese o papel destas institucións na Galiza medieval

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia dos mosteiros femininos de Galicia foi unha realidade complexa que pouco se asemella ao que se foi coñecendo co paso dos séculos. A orixe dos mesmos, a súa independencia, o poder que exerceron sobre os seus territorios e quen os poboaba ou a evolución destas institucións foi obxecto de estudo por parte de Víctor Rodríguez Muñiz (Ramirás, 1982), que hai uns días lía a súa tese sobre os mesmos na Universidade de Vigo. Formado na Facultade de Historia de Ourense, o traballo foi dirixido por Francisco Javier Rodríguez Pérez, profesor de Historia Medieval. A investigación céntrase entre os anos 1100 e 1500, séculos nos que se chegaron a contabilizar 34 mosteiros femininos.

—Desta cantidade cantos corresponden á provincia de Ourense?

—Na época estudada os que había eran cinco: Ramirás, Bóveda (Amoeiro), Sobrado (Trives), Asadur (Maceda) e Lobás (O Carballiño).

—Ten sinalado que Sobrado de Trives e Ramirás foron os máis destacados do seu tempo en Galicia. Por número ou polo poder que exercían?

—Por comunidade e patrimonio. Eran dos máis ricos e dos que maior número de monxas tiñan —dezaseis máis unha abadesa—. Por dotes, territorio e influencia foron os máis poderosos e cunha maior presenza señorial no seu tempo.

—Chaman a atención os documentos. Fronte aos seiscentos de Ramirás un só de Moneixas?

—Nos tempos que vivimos agora mesmo todo deixa pegada, do móbil ao pago con tarxeta. Daquela era diferente, ademais de que non nos chegou toda a documentación. Os que se facían daquela eran de tipo económico e administrativo. No día a día non eran necesarios. Os privilexios reais e as bulas si se ratificaban en tempo para renovalos; e logo o que había eran compravendas, testamentos, alugueiros e pouco máis. Ademais de que resultaba custoso, porque papel e pergameo eran caros.

—A procedencia era a clase alta?

—Monxas e abadesas procedían da mesma e os mosteiros creábanse polas doazóns das súas familias, que en moitos casos se reservaban o dereito para entrar as súas fillas. Senón de orixe aristocrática, si procedían de liñaxes con poder en cada zona. Elas aportaban propiedades e patrimonio ao mosteiro, pero tamén as tiñan para beneficio propio. É dicir, eran rendas persoais e non eran para a comunidade.

—A independencia é un dos aspectos que destaca.

—Si. Os mosteiros de monxas xestionaban as súas propiedades e territorio para rendabilizar os mesmos. Tiñan poder para nomear alcaldes e xuíces e mesmo nalgúns casos asinaban acordos de foros con todo un pobo ou unha aldea. Trives e Ramirás así o facían. Se estaba dentro das súas propiedades fixaban o que se debía cultivar e as rendas a pagar polos veciños do lugar. Eran independentes e facían vida normal para saír a realizar xestións, tarefas administrativas, reclamar alugueiros e cousas polo estilo. A clausura veu máis tarde. Aínda que algún mosteiro de monxas puidese ter algún tipo de relación cos masculinos —o de Chouzán con Oseira, por exemplo— era unha tutela laxa, como unha supervisión formal.

—O século XV rematou coa realidade dos mosteiros femininos?

—O problema xa viña de atrás. A peste e outros episodios mudaron a situación económica —co cal a aristocracia tamén quixo sacar rédito das ordes relixiosas— e o panorama, cunha vivencia relixiosa moi relaxada e laxa, era pouco favorable. Cando se decide extinguir os mosteiros femininos só quedan quince en Galicia. E algúns sen case monxas.

—As abadesas de Trives e Ramirás nunca claudicaron?

—Coa reforma observante concentrouse todo en San Paio de Antealtares, a onde se trasladaron as bieitas de Galicia. É certo que moitas se encastelaron nos mosteiros e algunhas marcharon de Compostela, pasando a ser fuxidas ou apóstatas. A abadesa de Trives —que apoiada pola liñaxe dos Sanabria nunca saiu do pobo— e a de Ramirás —que fuxiu de Antealtares—seguiron á fronte dos seus mosteiros.

«A vida licenciosa dábase en ambos casos, pero cargábase contra as mulleres»

Víctor Muñiz dá conta das «fundacións efémeras ou casas de monxas», unha realidade que da que non se ten noticia fóra de Galicia. Non eran mosteiros, carecían de xerarquía e dependían de comunidades relixiosas masculinas.

—Ten localizada algunha na provincia de Ourense?

—Non. O cal non quere dicir que non existise. Pode ser que houbese pero que non se conserve esa documentación. Eran retiros de mulleres de alta aristocracia vencelladas a unha familia de gran poder no seu tempo, os Traba.

—Os mosteiros femininos tiveron presenza noutros territorios?

—O Ribeiro suscitou un importante interese e todos, na medida do posible, tentaron estar presentes alí. O viño xogaba un papel destacado naquel tempo e tanto mosteiros, tamén femininos, como ordes relixiosas e outras institucións quixeron ter presenza na comarca. Tamén nas ribeiras do Miño, Sil e Bibei, segundo os casos, se deu esta circunstancia.

—A «vida licenciosa» era peor vista nas mulleres?

—Si. Dábase en ambos casos pero cargábase contra as mulleres. O abade de San Vicente do Pino era un analfabeto que tiña fillos e andaba sempre de farra. Pero as chanzas eran para a abadesa de Albeos, que dotou bens do mosteiro para a voda da súa filla e tiña tres amantes —un veciño do pobo, o capelán do mosteiro e o crego de Melgaço—. Ata que crego e capelán se enfrontaron a navallazos polo mosteiro adiante.

—No Carballiño dedicaron unha rúa a Inés de Sanabria, derradeira abadesa de Lobás. Mantense viva a memoria noutros casos?

—Non coñezo outras iniciativas. Polo xeral tanto nos mosteiros femininos como nos masculinos non había unha transcendencia da xestión dos responsables dos mesmos máis alá do recoñecemento expreso da súa propia comunidade.

Do castelo da Picoña ás novas campañas en Santa Cristina e Lobarzán

O autor da tese Mosteiros femininos na Galiza medieval (1100-1500) é arqueólogo e leva participado en proxectos que teñen aportado novas referencias e achados patrimoniais por toda a provincia. Licenciouse na Facultade de Historia do Campus de Ourense e na cidade tamén fixo o seu mestrado. Vencellado á empresa Breogán Arqueoloxía, na actualidade compaxina as excavacións cos traballos referidos á arqueoloxía de xestión para o ADIF, no trazado do AVE en Seixalbo. En marzo do 2023 Víctor Muñiz e Nieves Amado Rolán foron os encargados de realizar unha ruta polas intervencións arqueolóxicas desenvolvidas no municipio de Monterrei.

—No 2019 atoparon restos do castelo da Cabreira, que xunto con Lobarzán servían para controlar o val. Haberá novas campañas?

—O castelo non estaba localizado, aínda que Taboada Chivite falara no seu día desta paraxe como o castro das Quintas. Na Cabreira non se fixo ningún tipo de intervención posterior, si que se actuou na zona de Lobarzán —a outra referencia da gran terra de Baronceli—. E hai perspectiva de darlle continuidade neste 2024, neste caso nos municipios de Oímbra e Monterrei. O castelo en si está en Monterrei pero é un conxunto amurallado que colle territorio dos dous concellos.

—Atoparan calzado nas excavacións en Santa Cristina de Ribas de Sil. Cal foi o resultado?

—Alí apareceron evidencias de cimentación de edificacións que consideramos o mosteiro medieval. Temos a constatación desa realidade, que á súa vez está a anular enterramentos altomedievais —da primeira fase do mosteiro, xa que Santa Cristina sábese que existe dende o século X, pode que no IX— e hai interese nunha nova campaña para deixar á vista eses restos. No caso dos zapatos seguramente estamos a falar de material moderno. Son de enterramentos vencellados á igrexa que se fixeron no século XVIII ou XIX.

—Localizaron o castelo da Picoña en Calvos de Randín. Queda moito por facer alí?

—Si, é un sitio de gran interese. Foi unha grata sorpresa porque non se esperaba nada e apareceu todo un lenzo de muralla que ten gran valor arqueolóxico. Ladeira abaixo parece conservarse o recinto defensivo do conxunto.

Quen son.

«Galego orgulloso e lusófilo convencido, apaixonado pola historia e a cultura dos dous lados da raia, son un arqueólogo amante dos arquivos. Agardo do meu traballo que contribúa a coñecer o noso pasado e divulgar o noso patrimonio, que como sociedade temos o deber de valorar, protexer e conservar».