Pachi Vázquez, candidato de Espazo Común Galeguista: «Na provincia de Ourense somos pobres ata pedindo»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

«Pago todos os meses 46 nóminas». Ademais de concelleiro no Carballiño ?por agora, na oposición? Vázquez mantén a súa actividade privada coas súas clínicas e outros proxectos.
«Pago todos os meses 46 nóminas». Ademais de concelleiro no Carballiño ?por agora, na oposición? Vázquez mantén a súa actividade privada coas súas clínicas e outros proxectos. Miguel Villar

O exlíder do PSdeG di que, se entrase no Parlamento galego, proporíase para ser presidente dun goberno alternativo a Rueda

08 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumpriu 69 anos esta semana. Foi case todo na política galega: alcalde da súa vila, O Carballiño, conselleiro, secretario xeral do PSdeG... E, agora, Pachi Vázquez é candidato á presidencia da Xunta polo Espazo Común Galeguista. «Eu son dos que vivo a política, non vivo da política», di. Recorda que as enquisas tampouco acertaron con el nas municipais e di que vai a por todas.

—Trala caída en desgraza de Coalición Galega houbo moitos intentos sen éxito de ocupar ese espazo político. Por que agora o ve posible?

—Galicia ten tres patas, PSOE, PP e BNG, pero falta unha, que é o centro galeguista, ese centro democrático, que pode ser centroesquerda ou incluso unha pequena parte da dereita, a máis moderada. Galicia ten ese oco. Por primeira vez cinco pequenas formacións políticas, que son pequenas pero que temos máis de corenta concelleiros, estamos de acordo e iso é o principio dun proxecto de futuro. O BNG escorouse á radicalidade independentista, o PSOE está desaparecido e o PP ten o seu voto pero hai ese espazo.

—Na presentación da súa candidatura comparou a súa posición reivindicativa con Ourense coa de Puigdemont en Cataluña. Explíqueo.

—Lugo leva dous candidatos á Xunta, Besteiro e Ana Pontón. Ourense está fora do mapa do goberno galego. A única persoa con experiencia política de goberno, de Concello e de todo que se presenta en Ourense son eu. Alguén, voluntariamente, excluíu a Ourense dos órganos de poder. A única oportunidade que temos neste momento de que Ourense pinte algo na política galega é cunha forza que lle dea voz propia. O que está claro é que PP, PSOE e BNG a Ourense veno como un graneiro de votos a cambio de nada e o luns 19 non volven pasar máis por aquí.

—Se entra vostede no Parlamento e ten na súa man facer presidente a Rueda ou a unha alternativa, que faría?

—Eu non faría presidente a Rueda, pero tampouco lle daría a presidencia a ninguén. É moi fácil, eu votaríame a min mesmo e que decidan o resto das formacións políticas se queren que Ourense presida o goberno galego ou non. Eu teño a experiencia, teño ganas e teño a oportunidade de representar un proxecto político que me gusta moito.

—Vese presidente entón?

—A ver, sei que estamos falando dunha situación absolutamente hipotética, pero con esta proposta quero dicir que este sería o xeito de colocar a Ourense como a chave de Galicia. A Ourense débeselle tanto que xa é hora de que alguén pague esas facturas.

—E que necesita Ourense para saír desa situación?

—É moi fácil pero na provincia de Ourense somos pobres ata pedindo. Ourense non pode ser o gran xeriátrico de Galicia ou recibir esmolas para facer tanatorios. Ourense necesita cartos. Levar auga para Barcelona supón 2.000 millóns de pesetas, pero poñer Ourense de pé con 600-700 millóns de euros ben investidos en catro anos tes solo a custe cero, axudas á vivenda, plans de conciliación, bonificacións fiscais para empresarios e autónomos... Ourense ten que se facer valer, sexa eu ou sexa quen sexa.

—Jácome tamén defende ese discurso de discriminación a Ourense e houbo contactos con el para explorar unha candidatura conxunta. Que fallou?

—Con todo o respecto que me merece Jácome, nós formamos parte dun proxecto de provincia e de Galicia. Eu, persoalmente, creo que Jácome xoga a outra cousa. El ten moi claro o que é Ourense cidade, pero da provincia non sabe nada e de Galicia tampouco. Dáme a sensación de Jácome quere sacar un deputado non para defender á provincia, senón para defender o seu proxecto político.