Gonzalo Faílde: «Fixo máis a dobraxe polo galego que todas as campañas de normalización lingüística institucionais»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Gonzalo Faílde mantivo un encontro en Ourense con amantes de «Dragon Ball»
Gonzalo Faílde mantivo un encontro en Ourense con amantes de «Dragon Ball» Miguel Villar

O dobrador falou nunha xornada do campus de Ourense sobre porlle a voz a Freezer, o malo de «Dragon Ball»

03 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O actor de dobraxe Gonzalo Faílde (Ourense, 1963) foi un dos pratos fortes da xornada Voute preservar, miñoca! Onde os videoxogos en galego e a arqueoloxía se dan a man, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) no campus de Ourense. O home que lle pon a voz en galego a Freezer, o malo de Dragon Ball, protagonizou un encontro con todos os seguidores da serie e do dobraxe.

—Como pensa que influíu nos rapaces a emisión dunha serie como «Dragon Ball» en galego?

—Foi unha maneira de normalizar e asimilar con toda naturalidade que temos un idioma propio, que é tan válido para desenvolverse na vida como calquera outro. Penso que os nenos aprenderon a darlle importancia e se animaron a usalo. Atopeime con rapaces que falaban a lingua de maneira perfecta, cunha prosodia e fonética moi boa, sen ser galegofalantes, só por escoitala cando vían os debuxos na tele. As series son capaces de achegar o galego a fogares nos que non se fala e iso xa é marabilloso.

—Que lle parece que existan iniciativas como esta xornada, na que se promove o galego en actividades de ocio?

—Parécenme estupendas porque desmitifican a nosa lingua. Vivimos en Galicia e aquí hai dous idiomas oficiais, que son o castelán e o galego. Estamos acostumados a consumir contidos no primeiro, pero temos todo o dereito do mundo a acceder a películas, series, debuxos animados, xornais e videoxogos no segundo. Non estamos pedindo nada extraordinario, queremos consumir en galego e está ben mostrar as posibilidades.

—Como é a situación actual da dobraxe en galego, hai máis ou menos producións adaptadas?

—Todo o que se vaia avanzando é bo. O feito de que as plataformas dixitais teñan que dobrar parte dos seus contidos de forma obrigatoria é un feito boísimo. Estamos comezando a notar ese incremento. Pero con respecto á televisión é outra historia porque o número de horas dobradas ao galego diminuíu dun xeito dramático dende os anos noventa ata hoxe. Neste sentido, a realidade é que cada vez vai a menos, e que as que se dobran suelen emitirse a horas que non son accesibles para o espectador, normalmente de madrugada. Incluso os máis entendidos da materia sempre recoñecen que fixo máis a dobraxe pola nosa lingua, que todas as campañas de normalización lingüística de tipo institucional.

—Ademais de Freezer, en que outros personaxes podemos escoitar a súa voz?

—Todos son importantes para min. Se tivera que dicir un icónico destacaría ao replicante Roy Batty, que interpretaba Rutger Hauer, en Blade Runner, co famoso monólogo de «Vin cousas que vós non poderiades imaxinar...». Habitualmente son a voz de Liam Neeson, de Jeff Daniels, de Javier Bardem... A este último dobreino tamén en castelán, por exemplo, na película de Dune.