Academia Galega do Audiovisual e Deputación de Ourense seguirán colaborando en proxectos para potenciar o sector

La Voz

OURENSE

Xuntanza de Luis Menor cos representantes da Academia Galega do Audiovisual
Xuntanza de Luis Menor cos representantes da Academia Galega do Audiovisual Cedida

A directiva de AGA e Luis Menor mantiveron un encontro para valorar as iniciativas desenvolvidas

09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense tense distinguido de maneira especial nos últimos anos polo compromiso co sector audiovisual de Galicia. Ademais de implicarse no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) para que non desaparecese, o organismo provincial apoiou nos últimos anos varias rodaxes realizadas no territorio ourensán e ten acollido iniciativas vencelladas ao audiovisual galego, entre elas a celebración da última edición dos Premios Mestre Mateo, que se desenvolveu na cidade en base ao apoio da Deputación á celebración. Tamén se realizou, no marco do OUFF 2023, unha xuntanza das institucións vencelladas ao sector da península. Reunión na que se aprobou, entre outras cousas, a relación de enclaves de cine en base ás rodaxes realizadas. No caso de Galicia a seleccionada foi a aldea de Facós (Lobeira), onde Carlos Velo gravou escenas para «Galicia» e Antonio Román a curtametraxe «O carro e o home».

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e a entidade provincial seguirán a desenvolver proxectos conxuntos e colaborando para promover iniciativas que potencien o sector. Así se anunciou este luns logo da reunión de repesentantes de AGA co presidente provincial, Luis Menor. Logo de repasar con Miguel Mariño —director da Academia—, Lucía Catoira e Milos Baños as iniciativas realizadas, dende a institución anunciouse que se seguirá colaborando nos Premios Mari Luz Morales e no ciclo Mestre Mateo. «Tamén falamos de continuar a celebrar eventos singulares como o encontro internacional de Academias de Galicia e Portugal que dan un pulo á provincia desde un sector estratéxico para o noso país como é o audiovisual», segundo sinalou Luis Menor.