Antonio Rodríguez Miranda: «Atraer aos retornados é unha baza de futuro para a provincia de Ourense»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda VÍTOR MEJUTO

Venezuela liderou un movemento «no que empeza a destacar Arxentina»

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vive Antonio Rodríguez Miranda (A Bola, 1967) en constante movemento. Hai pouco estivo en Suíza, agora chega de Asturias e xa ten pechada a axenda para viaxar a finais deste mes a Arxentina e Uruguai. O secretario xeral de Emigración repite, dende o máis firme convencemento e coa experiencia como alicerce, que ten «o mellor traballo da Xunta«. «O máis sacrificado tamén, pero o máis bonito», matiza. A relación de Galicia cos seus emigrantes mudou de xeito radical dende os primeiros anos do goberno autonómico. O tempo vai convertendo aos galegos que marcharon da terra nunha presenza que vai devecendo co tempo. Pola contra, crece o número de descendentes de primeira e segunda xeración que apostan pola nacionalidade de orixe dos seus ascendentes. O que antes era unha política centrada maioritariamente no aspecto asistencial e de visitas periódicas para manter o contacto coa terra mudou nunha situación proactiva, coa administración autonómica considerando á emigración como un sector estratéxico para incentivar o retorno e paliar o déficit demográfico. Miranda acredita que se está conseguindo e que para provincia de Ourense é unha das accións que garante o futuro.

—Cal é o día a día de Emigración?

—Temos dúas grandes liñas de actuación: traballar cos galegos no exterior e axudar aos retornados. No primeiro caso está o apoio ás entidades na emigración —dende aspectos sociais ás actividades culturais— e no segundo o acompañamento e asesoramento aos retornados para facilitarlle o seu asentamento.

—A comunidade exterior pode axudarnos na loita contra o despoboamento?

—Niso estamos e a resposta estanos dando a razón. Galicia ten un reservorio especial na emigración do século XX, contamos con 500.000 persoas no exterior e sempre estamos en contacto con elas. E os datos están do noso lado: a comunidade gañou poboación no 2021, segundo o INE, e no 2022 nun semestre retornaron 1.800 persoas. Para Ourense, que tivo unha especial presenza nos movementos migratorios, atraer aos retornados é unha baza a xogar de cara ao futuro.

—Venezuela é o país que máis aportou á provincia. A tendencia agora é Arxentina?

—Son os dous países de onde está chegando máis xente, sexan galegos de orixe ou descendentes con nacionalidade española. Venezuela, pola súa situación, liderou o movemento de retorno e agora está vindo moita xente de Arxentina pola estado do país. A inseguridade e a incerteza sobre o futuro fan que aposten por iniciar unha nova vida no lugar de onde saíron os seus.

—En setembro visitaba a oficina de atención da cidade e destacaba que 1.500 emigrantes retornados volveron á provincia nos tres últimos anos.

—As nosas oficinas están facendo un traballo extraordinario en canto a asesoramento e axuda para facer todos os trámites e informalos para axilizar a súa integración. E hai ademais un valor engadido: nesas cifras non están contabilizadas as persoas que non teñen nacionalidade española —parellas, fillos e outros familiares— e ademais o retorno ten un efecto de arrastre. Como nos pasou aos galegos emigrantes, os retornados van traendo á súa familia e achegados.

—Doce persoas acaban de chegar para incorporarse a empresas ourensás. É outra das alternativas?

—A que está dando agora mesmo extraordinarios resultados. O programa Retorna Cualifica Emprego —da Consellería de Emprego— faise en colaboración con dúas fundacións. Son xente nova cualificada que xa vén con contratos indefinidos para incorporarse ás empresas. Hai moita demanda e Nortempo e Fundación Venancio Salcines contan con miles de currículos aos que agora lle buscan as empresas que mellor se axeitan ao perfil dos demandantes.

—Retornados e recuperar talento do exterior son as bazas que debe xogar a provincia?

—Sen dúbida. E no caso dos primeiros unha das cousas das que me sinto máis orgulloso é que son xente que xa tivo experiencia nos seus países de orixe e na maioría dos casos montan negocios nos espazos rurais. A súa bagaxe fai que conten con outra visión, e mesmo nalgúns casos traballan para fóra, e polo seguimento que lle facemos vemos que o 98 % dos proxectos seguen activos dous anos despois.

«Na Patagonia, en Puerto Deseado, atopei a un emigrante ourensán»

O Goberno galego foi incrementando nestes anos os fondos e as accións dirixidas a incorporar aos retornados. Varias son as consellerías implicadas nos proxectos transversais que están en marcha.

—Hai pouco foron presentar os novos programas a Suíza. Cal é a valoración dos resultados?

—Moi boa. Agora estamos co Estratexia Retorna Galicia para o 2023-2026 —o que se deu a coñecer en outubro— e na fase anterior, a referida a 2018-2022, conseguimos que retornasen 28.000 persoas. E coa pandemia polo medio.

—As becas teñen demanda?

—Moita. Son titulados que veñen facer mestrados ou ampliación de estudos a Galicia. Deles o 80 % quedan aquí para buscarse un futuro e asentarse no país.

—Cantos centros ourensáns quedan no exterior?

—En Uruguai, Cuba, EE. UU. e Basilea hai centros ourensáns. En Arxentina está tamén o do Carballiño. E logo hai algúns que sobreviven de xeito simbólico.

—En Cuba aínda queda?

—Hai centro ourensán pero alí todos os que había se refundiron en agrupacións de sociedades. Son os que lle chaman os centros das «casillas», porque teñen un pequeno apartado no que no seu día foi o Centro Galego da Habana.

—Retorna xente dende alí?

—Si. Hai un movemento importante para volver. Basicamente os países americanos que lideran o retorno son Venezuela, Arxentina, Cuba e Brasil. E dos de Europa os que teñen maior número de emigrantes galegos: Suíza, Alemaña, Francia e Reino Unido.

—De todos estes anos de viaxes e reencontros terá unha chea de anécdotas. En que lugar non contaba atoparse cun ourensán?

—Anécdotas moitas. Na Arxentina. Na Patagonia, en Puerto Deseado, atopei a un emigrante ourensán.

De concelleiro en Allariz a botar a maior parte do ano fóra da casa

Aínda que nunca contaba con rematar dedicando o seu tempo á emigración galega o certo é que Antonio Rodríguez Miranda vai camiño de igualar, ou superar, o récord do histórico Amarelo de Castro. O vindeiro 26 de decembro cumpre once anos no cargo. Licenciado en Bioloxía, desenvolvía a súa carreira profesional como docente ao tempo que exercía de concelleiro en Allariz. Na vila comezou como edil do PP no último mandato de Anxo Quintana como alcalde. Era o ano 1999 e tempo despois iniciaba a súa etapa como deputado autonómico: «Levo estado dende o 2005 en todas as lexislaturas do Parlamento de Galicia, o que pasa é que logo renuncio ao cargo para poder seguir levando Emigración».

—Aurelio Miras, Santiago Camba e Manuel Luis Rodríguez estiveron no seu lugar. Hai que ser de Ourense para levar a relación cos emigrantes?

—(Ri). Supoño que non, porque aí está Amarelo de Castro que é o que máis tempo estivo no cargo. Con todo tamén lle digo que, pola nosa experiencia coa emigración, os ourensáns temos unha peculiar sensibilidade para entendernos cos galegos que están fóra. Somos afiadores, xente do camiño e de paso e iso dános outra visión desa realidade.

—En cantos países estamos?

—Hai presenza galega en 145 países e a revolución que supuxo a emigración no século XX estase dando no XXI cos seus descendentes, que apostan por manter a relación coas súas orixes.

—Non lle vou preguntar polos quilómetros que fai porque xa sei que non leva a conta. Cantos días ao ano anda por fóra?

—Non sabería dicir en cifra, pero entre o 30 e o 50 % do ano estou de viaxe.

—Dixo unha vez que botou 40 horas sen botarse na cama.

—É certo. No caso de América, como son voos transoceánicos que duran moitas horas, viaxamos de noite para aproveitar o tempo. Ao chegar xa empezas coa axenda e ao xuntarte cos emigrantes xa recargas as pilas e vas indo dun acto a outro deseguido.

—Como concilia vostede?

—É imposible. A miña familia entendeuno dende o primeiro momento e sempre me apoiou. E tiven a sorte de que cando comecei a miña filla, que hoxe ten trinta anos, xa era maior.

Quen son. 

«Unha persoa apaixoada por aquilo no que creo, pola miña xente e comprometida, sempre profundamente, coa miña responsabilidade e co meu traballo».