Verdades

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

A. Pérez Meca | EUROPAPRESS

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é un mundo de contrastes, un mundo de contradicións. E as nosas son tamén vidas de contrastes e contradicións. Unha le asombrada as novas dun lado e doutro, e cada vez custa máis entender por que non somos capaces xa nin de querer falar, escoitar ou negociar. Se a verdade de cada un é unha verdade absoluta, entón non hai diálogo posible, e se non hai diálogo posible, entón non hai esperanza.

Vémolo a nivel global e tamén nivel local. Vémolo nos medios, contando a mesma historia desde cadansúa verdade, creando relatos contraditorios sobre os mesmos feitos. Vémolo nas redes, onde cada un defende a súa verdade por encima de todas as verdades, sen atender ao feito de que esas narrativas, coma todo nesta vida, son probablemente relativas ao noso xeito de ver as cousas, pois están ligadas á nosa perspectiva.

O neurocientífico Antonio Damasio dicía hai uns anos nunha entrevista que «as narrativas non son fixas», que «cambiamos as nosas narrativas para nós mesmos, e non as cambiamos necesariamente deliberadamente»; e proseguía coa idea de que «a maneira en que construímos a nosa narrativa é diferente da forma en que a construímos hai un ano». As narrativas colectivas que forman as verdades absolutas que rexen a actual polarización da sociedade son cada vez máis perigosas, pois nesas narrativas xa non hai matices. Todo se reduce a un pensamento binario, no que só pode haber dúas perspectivas, unha boa e outra mala, e, independentemente do lado do que tomemos posición, a nosa, sexa a que sexa, sempre vai ser a boa, a mala é a dos outros. Pero cal é a narrativa real? E como podemos achegarnos a ela sen caer nese binarismo que está a acabar coa sociedade?