Aznar e a metafísica

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Biel Aliño | EFE

11 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aznar, coma González e coma tantas e tantos políticos teoricamente retirados, en troques de estar xogando ao pádel (ou coidando bonsáis, no caso do outro), de cando en vez disfrázase de elefante e, entrando na cacharrería da actualidade, solta unha bomba para desestabilizar. No fundamental, ao propio PP. Pero en xeral á sociedade española. A penúltima, porque sempre haberá outra, é dicir que o Estado palestino non existe. Obviedade que todos sabemos. Pero a súa intervención no seo da FAES, ese sanedrín-laboratorio de ideas, ía no senso de que non debería existir. O asunto é que Sánchez di que si e, daquela, pois Aznar di que non.

O que me interesa, como filósofo, é esta frase xenial de Aznar, que resume e soluciona, nunhas poucas palabras, 26 séculos de filosofía occidental, dende os presocráticos ao pensamento moderno. Cito textualmente a Aznar: «Reconocer lo que no existe es absurdo». Pois claro: dicir que existe o que non existe é absurdo. Se eu digo que os pitufos existen ou os Reis Magos, ou un deus, ou o que me pete, ten un punto absurda a miña afirmación porque a lóxica nos di que non, que esas cousas non existen. Pero el fala de política, do Estado palestino que quere ser recoñecido como tal, ou sexa, existir, seguindo a ontoloxía aznariana que se manexa en termos de: se hoxe non é Estado, de que está falando?

Aznar ten toda a razón e volvo citalo: non se pode recoñecer o que non existe.

A cousa ten o seu lado cómico, por non dicir o seu lado tráxico. Porque foi Aznar, o mesmo que dá leccións de metafísica sobre o que é ou non é, quen afirmou, sen ningunha clase de dúbidas, que había armas de destrución masiva en Iraq e que, polo tanto, había que intervir militarmente, España incluída, para frear a posibilidade dun ataque nuclear de Sadam Husein. Lembran? El dixo que existían cando a única evidencia metafísica, física, ontolóxica e obxectiva que había da súa existencia era un powerpoint do Goberno estadounidense que parecía feito por un alumno de segundo da ESO. Non existían esas armas de destrución masiva, pero el afirmou que si e actuou en consecuencia.

Un tempiño despois, e malia que estaba claro que ETA non puxera as bombas do 11-M, malia que había confirmación, incluso do seu amigo Bush Jr., de que era un atentado islamista, el, malia a evidencia científica de que a realidade era outra, teimou en convencernos de que a realidade era outra.

En efecto, afirmar o que non é, é absurdo.

E eu engado: afirmar o que non é, polo teu interese político, é profundamente perverso.