Mentiras reais

OPINIÓN

Aznar interviene en el coloquio celebrado junto a Feijoo en la inauguración del Máster de Acción Política del Instituto de Estudios Atlánticos.
Aznar interviene en el coloquio celebrado junto a Feijoo en la inauguración del Máster de Acción Política del Instituto de Estudios Atlánticos. Borja Sánchez-Trillo | EFE

16 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ciorán, cando fala do mundo da creación literaria, di que a mentira tamén é unha clase de talento. E eu, que xa de neno gustaba de adornar as cousas que me acontecían, quero crer nestas palabras do filósofo e pensar que, por esa banda, se cadra estou bastante dotado.

 Non llo nego, porque no fondo, a literatura tamén é unha sorte de mentira asumida por toda a xente que le. Un mentireiro, di o escritor Emmanuel Carrere, polo xeral, esfórzase en ser verosímil: se o que conta non o é, debe ser certo. Dentro da literatura todo ese xogo da mentira é marabilloso. O malo é cando a mentira se usa fóra da ficción e se aplica á realidade cunha teimosía enfermiza de validación, como lle acontece, por poñer un exemplo, a Aznar e algúns outros individuos co tema dos atentados do 11M, amarrados con desesperación a unhas teses fanáticas que, de tanto repetilas, un xa diría que eles mesmos as cren.

Asusta, e moito, o mundo que está por vir, no que as posibilidades de engano se albiscan cada vez máis depuradas, sobre todo, grazas á intelixencia artificial, que é quen de coller a túa voz, a túa imaxe e xerar un vídeo ou unha historia que pode comprometer seriamente a túa vida, mesmo diante de xente que te coñece.

Distinguir o que é realidade e ficción vai ser algo complicado no futuro. Haberá xente á que lle importe pouco o que é unha cousa ou outra, porque non será quen de o diferenciar. De feito, moitas persoas preferirán a súa vida virtual e ficticia á propia e buscarán esa felicidade artificiosa para intentar negar calquera evidencia que as condene. A mentira será un territorio apetecible para se instalar definitivamente e, daquela, a arte deixará de ser esa mentira que nos fai ver a verdade, como dicía Picasso.