«Non hai cambio»

Emilio Grandío Seoane CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

OPINIÓN

María Pedreda

21 feb 2024 . Actualizado a las 11:49 h.

Luns 19 de febreiro. 7.55 horas da mañá. Cando o teu quiosqueiro che devolve o xornal que mercas cun «non hai cambio» é que algo pasou. E non necesariamente que se quedara sen volta en efectivo. A quinta maioría absoluta consecutiva do Partido Popular sancionada poucas horas antes certifica un dominio incontestable do poder político galego. Non se presumía doado este resultado. Especialmente tras a inicial estratexia adoptada polo partido conservador de españolizar as eleccións e deixar na práctica ao BNG a idea chave das catro vitorias absolutas anteriores: Galicia. Non fixo falta explicalo. Dende Fraga, o «Galego coma ti» interiorizouse non só no imaxinario colectivo máis alá do Padornelo sobre a imaxe que se ten dos galegos, senón que tamén é a causa dese incremento do voto cara o PP.

 Pola contra do que soe acontecer na maioría dos procesos electorais, só houbo dous partidos que no reconto se declararon vencedores. Precisamente, tanto o PP como o BNG foron, non por casualidade, os que a sociedade galega elixiu en maior medida como seus. Non só polo relato difundido, senón porque eran máis cribles que os outros. Á enorme —e eficaz— maquinaria que puxo en funcionamento o PP para manter —e mesmo incrementar— os seus votos púxose de fronte un nacionalismo que leva moitos anos recompoñendo en silencio. Dende a base. Espallando cal choiva fina a sensación —especialmente entre a xente nova— de ser a única alternativa aos gobernos de dereita neste país. Marcáronse ben claramente nestas eleccións as dúas ideas maioritarias de Galicia. E unha idea forza, ao meu entender decisiva, que utilizaron en común ambas formacións: hai moitas maneiras de ser galego.

Pero o 18F amosou máis perdedores que gañadores. A derrota cebouse naqueles partidos que non por casualidade teñen características comúns: Sumar e PSdeG. Nos dous, e por causas distintas, a maior baza que elixiron para convencer ao electorado radicaba lonxe da rúa do Horreo. Fíxose un notable esforzo das súas maquinarias de partido: nunca houbo tal mobilización de presidentes, expresidentes, vicepresidentes e ministros nunhas eleccións galegas. Mesmo cun Goberno de coalición! Mais o relato difundido achegounos máis a Madrid que a San Caetano.

A sorte de Sumar era evidente que se atopaba hipotecada pola suicida e recorrente actitude de Podemos: de derrota en derrota ata a desfeita final. No caso do PSdeG, a súa grande caída ten sen dúbida maior transcendencia por razóns obvias, xa que de só manter os seus peores resultados —ata estas eleccións— do 2020 outorgaría unha posibilidade certa do cambio. Resulta nada doado facer entender en Madrid esta identidade dupla respecto da pertenza identitaria en Galicia. Esta ambigüidade que resulta tan incómoda en boa parte das análises que se fan dende o centro e que os galegos sempre botamos en falta ao ler as súas crónicas. Pero ese punto diferencial, esa complexidade, para nós é real. Moito. Se non se quere ver e atender é outra historia.

Porque aquí non se percibiu ese ticket electoral entre Pontón e Besteiro, esa idea de traballar xuntos dende posicións distintas, que foi decisivo en recentes eleccións. E non se transmitiu a confianza dese futuro en común. E non é de agora. Sabemos de tempo que, dende a Transición democrática, na epiderme da sociedade política galega é moito mais doado atopar vasos comunicantes entre o BNG e o PP que entre o BNG e o PSdeG. Na lóxica maioritaria da política estatal do derradeiro medio século, iso non debería producirse. Se se pretende ir cara un goberno de cambio, estes dous últimos atópanse condenados a entenderse, esquecendo negativas experiencias anteriores. Si ou si.

Resulta curioso constatar como os medios de comunicación na noite electoral falaban de sorpresa non tanto polo acerto das enquisas, nin polo incremento do voto cara o candidato Rueda, senón porque semellaban descubrir, tras a primeira sorpresa das cifras, que «Galicia é mais complexa do que parece porque en cada elección vota distinto». Constataban esa idea, non era que a afianzaran. E non será mais ben porque a lectura previa que se fai sobre os votantes neste territorio non varía moito elección tras elección, resultado tras resultado? Algunha vez sácanse conclusións para a seguinte?

O imprescindible en calquera proxecto de cambio é xerar ilusión, visibilizar que o novo que está por construír, que necesariamente ten que ter un grao de incerteza porque está sen facer, superará a xestión do presente. Pero convéncese sempre de xeito moito máis doado a través daquelo que é tanxible. Ten maior credibilidade aquilo que se palpa diariamente, que se toca. Porque, aínda que teña carencias, é real. Só hai que ollar os mapas dos votos desta atomizada Galicia por concellos e ver un azul absoluto. Rotundo. Real. Que existe en cada un dos recunchos deste país.