Seguimos

rubén cela díaz COORDINADOR DA CAMPAÑA DO BNG

OPINIÓN

Ana Pontón, tras conocer los resultados del 18F
Ana Pontón, tras conocer los resultados del 18F Cabalar | EFE

19 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O nacionalismo galego vén de acadar un resultado histórico. Máis de 450.000 galegas e galegos colleron a papeleta do BNG este domingo. Case un de cada tres votantes optaron polo Bloque. Isto supón pasar de 19 a 25 deputados do BNG no Parlamento de Galiza.

Un resultado deste tipo nunca é monocausal. É a confluencia de varios elementos o que o explican: unha extraordinaria candidata como Ana Pontón, unha campaña ben planificada e executada, o feito de que cada día a sociedade galega se pareza máis ao BNG (e sectores máis amplos fan propias propostas políticas do Bloque) e unha extraordinaria militancia capaz de amplificar a mensaxe do BNG por todos os recunchos do país e cun traballo cotián que é unha referencia de compromiso e honestidade para moita xente.

Porén, aínda tratándose dun excepcional resultado (máis aínda se temos en conta a campaña de intoxicación e o uso partidista da Xunta e da CRTVG que fixo o PP), o obxectivo prioritario para o BNG era rematar coa maioría absoluta do PP e abrir un novo ciclo político en Galiza. Sabiamos que non ía ser doado e non vai ser posíbel desta vez. Sei que hoxe haberá moitas persoas, ao igual que nós, decepcionadas por iso. Mais poden ter a certeza de que o seu apoio ao BNG non será en van. Esta campaña e estas eleccións demostran que moitas cousas xa mudaron en Galiza. Desde hoxe comezamos a construír a alternativa, coa base máis ampla e sólida ca nunca, da alternativa de goberno que acabará desaloxando o PP da Xunta de Galiza.