A corrección do entroido

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os anos, cando chega o entroido, xorden as mesmas preguntas das amizades que queren saber como é posible que en Xinzo esteamos máis de un mes celebrando a festa dun xeito tan afervoado e teimudo. As respostas, non sempre doadas, adoitan descansar na correa xeracional dunha tradición que vai alagando todo dun forte sentimento que, para moita xente de fóra, poida parecer un chisco irracional. Mais non o é para a xente da vila, que gusta de esconxurar os problemas nestes días alegres que son a lavativa anual dun espírito que constrúe algo importante e inmaterial. En Xinzo, todo o ano é unha sorte de preparación e hai casas onde o entroido sempre está presente nunha agulla que cose, no engrudo para empapelar unha pantalla, na cabeza ociosa de alguén que anda a cavilar en algún espectáculo orixinal e improvisado, nese rapaz que freta as campaíñas que xa lles puxeron música aos entroidos do pai, do avó e mesmo do bisavó, nesa comparsa que reúne unha morea de veciños nun baixo frío para entreteceren as mans e, pór remate, a eses disfraces que despois exhiben polas rúas cun orgullo local... Todo o ano semella destinado a estes días. Con todo, nos últimos tempos, por mor da masificación e dos excesos que leva aparellados, houbo unha corrección case natural: o desprazamento da importancia dos días centrais cara aos días do fareleiro, oleiro ou corredoiro, que no pasado tiñan unha carga ritual e unha participación apenas testemuñal. Por sorte, agora o conto virou e estes días deixaron de ser previos e colleron o aire tradicional dos vellos entroidos, cando as pantallas aínda tiñan espazo para correr e un podía argallar o seu espectáculo particular para gozo da veciñanza sen se ver esmagado pola enxurrada de visitantes. A ver o que nos dura.