Gaza precisa bolsas para cadáveres

Xosé María Torres Bouza FARMACÉUTICO. MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

24 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Bolsas para cadáveres». Si, iso é o que se necesita hoxe en Gaza, segundo lle pedían a un médico galego da oenegué Médicos do Mundo os seus colegas de Gaza. As máis de 3.000 persoas falecidas en Gaza, en torno ao 50 % delas mulleres e nenos, fan difícil centrarse nas medicinas cando o propio persoal sanitario, que está esgotado, ao límite das forzas, está sendo bombardeado.

Na Franxa de Gaza hai 28 hospitais, como o pequeno hospital Bautista Al-Ahli Arabic, de 80 camas, que atende á poboación cristiá (onde ocorreu unha explosión, aínda non aclarada, que provocou 500 mortes), e 73 centros de saúde, que atenden ás 2,2 millóns de persoas que malviven en 360 quilómetros cadrados (menos dos 380 quilómetros cadrados, por exemplo, do Concello de Vilalba). Por moitas reservas de medicinas que tiveran, en varios hospitais as intervencións cirúrxicas estanse a facer xa sen anestesia. Que medicinas se necesitan? Pois as que están en Exipto, bloqueadas no paso de Rafah xunto coa restante axuda humanitaria enviada por varios países. Falamos de alimentos, de auga e combustible (Israel cortou o subministro destes bens esenciais, inflixindo un castigo colectivo a toda a poboación gazatí), de medicinas como morfina, anestésicos e sedantes para as operacións, analxésicos para traumas e amputacións que as bombas están causando, antibióticos de amplo espectro para previr e tratar as infeccións ou antisépticos para as feridas, xiringas estériles, etcétera. Pero tamén medicinas que requiren conservación en frío, como vacinas infantís ou insulinas.

Pero non pensemos en Gaza como unha zona lonxana ou montañosa de África ou Asia; non pensemos que España, por exemplo, necesite despregar, como fixo en Turquía con motivo do terremoto do pasado febreiro, o equipo Start, os chamados «chaleques vermellos» da cooperación española, con 70 persoas sanitarios que montaron un hospital de campaña. Non!, a escasos quilómetros de Gaza, no territorio de Israel, a potencia ocupante (como ir de Vilalba a Lugo, por seguir co exemplo inicial), hai medicamentos de sobra; de feito é alí onde se adquiren habitualmente. Por iso, a galega Tania Montesinos, que dirixe o departamento de Acción Humanitaria e Emerxencias da oenegué Farmamundi, que colabora desde 2014 coa palestina Labour Resources Center, reclama a apertura de corredores humanitarios para poder entregar a axuda.