Berlusconi TV

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Contacto / Matteo Nar | EUROPAPRESS

27 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foise do mundo Silvio Berlusconi, personaxe peculiar, escandaloso, que ben paga a pena dun flas sobre a súa vida. Vexamos: hai moito a TVG medraba con preocupacións propias da infancia coma a capilarización da súa rede, para chegar co sinal a calquera aldea, e a conservación da información gravada, que daquela se facía en fitas magnetizadas. En toda Europa soaban os nomes de empresas punteiras neses eidos: Fininvest e Mediaset, ambas unidas a un equipo de fútbol, «il Milan», por medio de il Cavaliere.

 

Unha delegación de técnicos galegos foi a Milán a tratar de transferencia tecnolóxica con colegas empregados nelas. Feitos os acordos coa empresa do Berlusconi, apareceu este nun xantar en Monza. Ao natural era un suxeito peiteado ao fascista con ombreiras da chaqueta moi esaxeradas. Falangueiro, iniciou conversa cos triunfos do Milan para logo dar a súa bendición ao acordado. Un dos enxeñeiros que viñan do Finis Terrae manexaba ben o italiano e preguntoulle ao magnate como conseguira dar cobertura á súa rede de televisión nos inicios e ficou abraiado pola resposta: «Con transmettitori a ogni campanile dell'Italia». A Igrexa deixáralle colocar transmisores nos campanarios de todo o país... Raro que Berlusconi non conseguise o privilexio de Franco: ser levado —en vida— baixo palio.