Forza fundamental da escena política galega

valentín gonzález formoso SECRETARIO XERAL DEL PSDEG-PSOE

OPINIÓN

CESAR QUIAN

29 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A cidadanía falou nas urnas e a nós tócanos escoitar. E o primeiro que temos que destacar, á luz dos resultados xa escrutados, é que o Partido Socialista vai seguir sendo unha forza fundamental na escena política galega, tanto nas áreas xeográficas máis vitais dende o punto de vista económico e demográfico, pero tamén en numerosas vilas, cabeceiras de comarca e pequenos concellos. O PSdeG mantense como a forza principal do polo progresista, e vai ter de novo a oportunidade de liderar as dúas cidades máis poboadas de Galicia, que tamén son os principais motores económicos do país. Recibimos un importante caudal de apoio da cidadanía, e iso é algo que compre agradecer. A dereita galega, en cambio, vemos que continúa a ter dificultades para empatizar co electorado urbano e, en plena ola favorable en toda España, vemos que se vai quedar fóra do goberno de seis das sete cidades galegas. 

Vimos de vivir un mandato de catro anos moi difíciles, onde tivemos que facer fronte aos efectos devastadores dunha pandemia que puxo a proba a capacidade de xestión das corporacións locais, seguida pouco despois dunha crise de prezos estreitamente ligada á guerra de Ucraína. A xestión diaria desta realidade provocou un desgaste notorio nos gobernos locais, os máis achegados á cidadanía, que se viron obrigados a reorientar as súas políticas e as súas liñas de gasto para atender o máis urxente, deixando moitos outros proxectos no caixón.

Pero non podemos escudarnos niso, nin apuntar como escusa os inconvintes cos que atoparon tantos alcaldes. Todos os candidatos do PSdeG acudiron a esta cita coas urnas coa cabeza ben alta e a sensación de ter feitos os deberes. O seu empeño foi gobernar para as maiorías sociais, ocupándose das clases medias e traballadoras, e de non deixar a ninguén atrás, e alí onde houbo cidadáns que deixaron de confiar no PSdeG tócanos analizar as causas e asumir a responsabilidade para a volver a gañar a súa confianza. Logo deste 28M, dende o PSdeG podemos dicir que hai partido, que mantemos un diferencial de porcentaxe de voto máis alto en Galicia do que ten o partido no conxunto de España, e que imos ter a oportunidade de manter unha parcela de poder institucional moi importante nos concellos, sobre todo nas cidades e nas deputacións. Toca agradecer o traballo dos militantes e simpatizantes, dos interventores e apoderados. Son milleiros de persoas que se implicaron neste proxecto que conformar a gran familia do socialismo galego.