Seleccionará a nova selectividade?

Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DA XUNTA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

16 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A reforma da selectividade supón a reestruturación dos exames introducindo unha proba obrigatoria de materia de modalidade, que suporá un 25 % da nota da fase xeral, e outra de madurez académica nas disciplinas obrigatorias de bacharelato, que implicará o 75 % restante. Revísanse as esixencias mínimas e os criterios de avaliación co obxectivo de potenciar a comprensión, a aprendizaxe por competencias, a relación de conceptos ou o uso adecuado do vocabulario. Pero de pouco ha servir esta reforma se continúa a confundirse igualdade de oportunidades con igualdade de resultados. Todos deben ter a posibilidade de acceder ao ensino superior pero non todos posúen os requisitos necesarios para facelo. O concepto de alumno universitario tense desprestixiado tanto que decepciona comprobar, non só o seu pésimo nivel formativo, senón tamén a falta de motivación cara ao estudo e ao rigor intelectual que debe ter a universidade.

Hai trinta anos a porcentaxe de estudantes que superaban a selectividade era dun 70 %, mentres que hoxe, sen ter mellorado a súa preparación, está por riba do 95 %. A universidade baixou demasiado o nivel, con consecuencias nefastas para a súa calidade académica e a inserción laboral dos graduados. Demasiadas titulacións obtéñense con suma facilidade e, como manifestan os propios docentes, apróbase por aburrimento. España ten unha porcentaxe alta de titulados superiores, pero sobre todo descompensada en relación coa de estudos básicos (demasiado alta) e medios (demasiado baixa). Séguese a preferir a sobretitulación, con inserción laboral nula, a unha formación profesional con traballo inmediato e cada vez en mellores condicións.

Hoxe suspender está moi mal visto e non se achaca á vagancia do alumno, senón á mala docencia ou ao inadecuado sistema de avaliación. A confusión entre esixencia e imposición é tal que moi bos profesores acaban por tirar a toalla para non verse marxinados ou mesmo con problemas coa Administración. E para máis inri, o vixente Plan Boloña non fixo máis que agravar a situación con reducións graves de materia, prácticas sen sentido e perda de tempo.

A selectividade é útil para estudantes bos, que queren acceder a graos con notas de corte altas, porque os criterios de avaliación teñen que se axustar ao máximo para promover aos mellores. Pero o aprobado raspado, como temos dito, resulta moi doado de conseguir e mentres non mude esta concepción as probas de acceso á universidade, por moito que cambien, seguirán a ser un coadoiro.