A música dos avós

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Oscar Vazquez

30 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 1910 e 1911, quizás incluso antes, unha adolescente de 16 anos, Dolores Cancela Pérez, preocupouse por recadar na parroquia de Buño, terra de Bergantiños, o que tal vez sexa a primeira colectánea do cancioneiro popular recollido por unha informante espontánea, unha mociña do pobo, interesada na música dos avós (neste caso case máis ben deberiamos dicir das avoas). Manuel Murguía publicounas nos primeiros números do boletín da Real Academia Galega. Os amigos do concello de Malpica de Bergantiños, da man do profesor Xosé Manuel Varela veñen de rescatalas agora nun Cancioneiro de Buño, publicado por Edicións Embora, con fotografías de Antonio Fernández Martínez.

Son 84 coplas. Os redactores do boletín presentaban na época a Dolores Cancela como «joven labradora da parroquia de Buño», sen maior información. Pero o editor Xosé Manuel Varela dá conta da súa data de nacemento (17 de xullo de 1894), nome de pais e irmáns, e mesmo da súa estirpe, que deixou memoria. A xente aínda lembra onde estaba a casa da moza, no barrio do Forno Novo. Dicíanlle a casa de Margarita, polo nome da nai. O alcume familiar son os Margaritos.

Mais o importante é o tesouro do cancioneiro e a súa significación. «O porto de Malpica é triste; o de Corme é mais alegre. Que veña o aire do norte e para Corme me leve…». Estamos escoitando as voces do século XIX. «Para Verdillo vou rindo, para Carballo cantando; para o lugar de Xaviña vou como a troita, nadando…».

Sabemos do interese do Padre Sarmiento no século XVIII polo cancioneiro popular, e os traballos da Sociedad del Folclore Gallego na Coruña, en 1881, iniciativa que moitos consideran un antecedente do que logo sería a Real Academia Galega. Entre os seus promotores estaban Manuel Murguía e Antonio Machado Álvarez, pai do poeta Antonio Machado, unha das personalidades máis comprometidas coa recuperación e o estudo do folclore en España. Emilia Pardo Bazán asumiu a presidencia desta institución.

Sabemos dos traballos de Pérez Ballesteros, dos irmáns De la Iglesia, de Marcial Valladares, que fixo chegar moitas coplas a Marcial del Adalid, para que servisen de inspiración a un dos nosos grandes da música galega desta época. Sabemos dos traballos de Said Armesto, Castro Sampedro e Filgueira Valverde despois. E mesmo os máis recentes de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina… Pero a devoción da mociña bergantiñá apañando flores polas cortiñas produce unha emoción especial. Pouco máis sabemos dela, agás a música que chegou a nós. «A muller do mariñeiro pódese chamar viúva; cando se bota no mar, bótase na sepultura…». As fotografías de Antonio Fernández conectan as palabras primeiras da tribo coa esencia mítica do barro: unha homenaxe á memoria do que somos.