A utilidade de conxelar o tempo: na morte de Isabel II

Emilio Grandío Seoane PROFESOR TITULAR DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA NA USC

OPINIÓN

María Pedreda

09 sep 2022 . Actualizado a las 22:16 h.

Do Imperio ao brexit. Dise pronto. Sete décadas de reinado contémplana. Dos nazis á invasión rusa de Ucraína. De Churchill a Liz Truss. Setenta anos dun tempo acelerado como poucos. Isabel II de Inglaterra. A clave do sistema. O arco de bóveda do mundo británico.

Realmente, a filla maior dos duques de York non semellaba estar destinada a gobernar. O que a coloca no camiño directo da Coroa é a abdicación do seu tío Eduardo VIII —con marcadas relacións co III Reich alemán— no seu pai, o rei Jorge VI. Durante os dramáticos anos da Segunda Guerra Mundial, o futuro da monarquía personificada na xove Elizabeth Alexandra Mary vén sendo preparada en silencio. E non foi ata a morte do seu pai en 1952 cando recibe a Coroa.

Vinte e seis anos e muller. Non semellaba doada a reconstrución dos Windsor, pero eran tempos en que todo se voltaba a construír dende as cinzas. Ante tempos nunca vistos, novos proxectos para reconectar coa cidadanía na imaxe dunha xove monarquía. A súa coroación foi a primeira que chegou ó grande público: resoou a música da Pompa e circunstancia Nº 1 de Edward Elgar na abadía de Westminster. Foi a chegada desta raíña a que fixo entrar en comuñón informativa a millóns de persoas no simbólico e protexido espazo de poder. Socializar a monarquía.

Foi enorme o influxo que a titular da Coroa británica fixo non só na sociedade británica do seu tempo, senón tamén na imaxe exterior de Gran Bretaña no mundo. Aquel era un Imperio en franca decadencia que foi quen de conservar consolidando relacións poscoloniais estreitas e duradeiras, na tentativa de prolongar o máximo posible as vantaxes económicas. Semella case fóra da realidade o feito de que mesmo Australia, literal e fisicamente nas antípodas, siga tendo como titular do seu Estado a Isabel II tras un referendo que aprobou a súa permanencia ¡en novembro de 1999! Pouco mais dunha ducia de Estados procedentes da Commonwealth seguen a tela como simbólica xefa de Estado.

A súa imaxe era ben anacrónica para moitos no presente. Non hai que esquecer nunca que a súa imaxe, a súa transcendencia, non lle vén unicamente por ser a cabeza dun Estado, senón tamén dunha confesión relixiosa. A súa responsabilidade última, como así indica o seu título, é ante Deus. E como se conxugases o poder terreal e espiritual nun só. Obedecer a Coroa británica é tamén formar parte dunha visión de futuro que ten bases de crenza, non de razón. Na súa imaxe hai un moito de devoción, de sentimento, de respecto reverencial. De fidelidade inquebrantable.

A conseguida imaxe de modernidade dos seus primeiros anos foi derivando nunha sorte de figura representativa sen perfil. A imaxe conxelada de Isabel II foi para moitos o dique ao que aferrarse na tranquilidade que dá a seguridade do xa coñecido. E iso que as últimas décadas non foron precisamente tranquilas para a monarquía británica. As repercusións da morte de Lady Di devolveron contra a propia familia real as rutinas dunha actitude que mesmo se percibiu como falta de sensibilidade. Foi o único momento do reinado de Isabel II que se descubriu humana, con erros. Perdera a súa aura máxica.

Non é preciso explicar que, aínda que nestes tempos e noutros só nos falen da raíña, a maquinaria do establishment británico é enorme, ben engraxada e con experiencia de séculos. Nunca toma acción sen reflexión. Nada queda a improvisación. A imaxe da Coroa, a peza fundamental desta torre de pezas de madeira, é produto dun grande traballo previo, con moita previsión, que coloca sempre por diante o pragmatismo no mantemento do réxime.

Porque con cal Isabel II nos quedamos? Coa das Malvinas ou coa dos Clash? É posible pensar que a mediados da década dos setenta, nun proceso de franca crise da Europa do benestar, algunha outra dinastía monárquica se atrevese a deixar pasar unha canción como God save the Queen dos Sex Pistols? Ou aqueles Spitting Image en televisado prime time? Que é se non The Crown máis que a utilización das plataformas dixitais para dar o derradeiro relato sobre a súa persoa? Adaptabilidade aos tempos. E sempre o protocolo británico como rito fundacional de permanencia. Recoñecible. Doado por previsible. Pura praxis.

A morte de Isabel II deixa un enorme baleiro de referencia... dentro das monarquías. Mais a Coroa prepara permanentemente o camiño da sucesión como se de xogada de xadrez anticipada se tratase dende hai anos. O falecemento dos monarcas sacode as conciencias de moitos. E o grande xogo dos sistemas monárquicos: esa confianza na tradición, na rutina, no que «sempre foi». Contos para nenos? Visualicen os seus espazos: Windsor, Balmoral, Buckingham… Pero tamén é comodidade de pensamento, que capa as nosas posibilidades de crítica racional. De facernos preguntas.