Paixón polos pactos, paixón polo xogo

pedro puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

M.MORALEJO

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O cura que ensina latín, francés e aritmética a Henri, un dos protagonistas da Paixón de Jeanette Winterson, completaba os seus ingresos xogando ás cartas. Agochaba unha baralla nunha Biblia oca, que ás veces levaba á misa por error. Entón, a lectura invariablemente versaba sobre o Xénese, de xeito que os fregueses pensaban que ao seu párroco só lle apaixonaba a historia da creación. 

A ciencia económica leva aportando á humanidade unha comprensión do mundo que forma xa parte da nosa vida cotiá; e que, conforme a entendemos aplicando criterios científicos, nos permite modelar o noso futuro, como argumentaba xa nos anos 50 Robert Heilbroner. Un conxunto de coñecementos científicos que, ao igual que no seu momento o Libro, segue a acrecentarse co tempo, e que apropiadamente actualizada ofrece instrumentos e respostas á crise económica que estamos a vivir; e un método para a súa superación.

Están, en primeiro lugar, os instrumentos de política monetaria, xa exercidos desde o Banco Central Europeo (tipos de interese, tipos de cambio, política de endebedamento…). En segundo lugar, a través das políticas de gasto, nas que a Unión Europea tamén puxo en marcha os fondos extraordinarios pospandémicos, dirixidos a mellorar a produtividade futura da economía comunitaria. Políticas orzamentarias que, xa a nivel nacional, deberían complementarse con catro pactos coherentemente dirixidos a mellorar o crecemento e frear a inflación, que é o peor inimigo das clases medias e, por tanto, da democracia. O primeiro, un pacto de rendas que distribúa con xustiza entre toda a poboación (empresarios, traballadores, rentistas e tamén empregados públicos e pensionistas) o empobrecemento que a inflación conleva a curto prazo. Dous, un pacto fiscal que, fuxindo de axustes curtopracistas e demagóxicos, asente certeza nos axentes económicos e sostenibilidade orzamentaria e medioambiental no noso estado do benestar. Tres, un pacto para a avaliación do gasto público e os seus efectos na eficiencia dos mercados, na distribución da renda e no crecemento; que debe aplicarse tanto aos programas de gasto xa en marcha, como aos que han de vir con cargo aos fondos europeos. E catro, un pacto sobre políticas regulatorias, quizais o máis urxente e o menos demandado desde instancias políticas, porque a regulación da actividade económica debe ser garantista, pero non obstrucionista nin desincentivadora; e comparar os investimentos a unha e outra beira do Miño debería abondar para concienciarnos da importancia deste factor.

O método non é outro que o consenso, en base ao coñecemento experto. É o que se está a facer na Unión Europea: hai un amplo consenso entre populares, liberais, socialdemócratas e boa parte dos verdes sobre as políticas económicas a aplicar, que recollen a ortodoxia dun libro actualizado e completo. Xusto o que falla no noso ámbito nacional. Desafortunadamente, da a impresión de que o noso párroco leva á misa unha Biblia oca, na que as barallas coas que reparte xogo aos seus socios parlamentarios non deixan espazo nin para o primeiro dos capítulos. Xa hai fregueses que pensan que ao seu párroco nin lle apaixonan as leccións derivadas daquela nosa Xénese, daqueles pactos que como os da Moncloa facilitaron a Transición, e a Constitución.