Saudades de Valdeorras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Así acordamos titular a edición do discurso que Florencio Delgado Gurriarán pronunciou no casino do Barco de Valdeorras o 6 de setembro de 1981 na súa condición de académico correspondente da Real Academia Galega, distinción para a que fora proposto un ano antes polos numerarios Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego e Xulio Francisco Ogando Vázquez. Non está previsto nos estatutos da RAG que os académicos correspondentes lean discursos de ingreso, algo que se reserva para numerarios ou académicos de honra, mais a figura de Delgado Gurriarán concitaba moitas adhesións e había quen pensaba na posibilidade de que o poeta, logo de máis de catro décadas de exilio, puidese regresar á súa terra e fixar nela a residencia, requisito indispensable para a condición de numerario.

Os académicos que en 1980 propoñían o ingreso de Delgado Gurriarán salientaban a significación da súa poesía, pero de xeito moi principal o seu compromiso coa lingua e a cultura de noso, «peregrinos da democracia» nas décadas do desterro en México, dende 1939 ata o final da ditadura. Nunca abaixaron. Case sempre que falamos do exilio falamos de Bos Aires e algo de Montevideo, mais México tivo un papel moi activo neses anos. Alí naceron institucións como o Padroado da Cultura Galega, iniciativas de comunicación como a emisión radiofónica A hora de Galicia, publicacións periódicas como Saudade ou Vieiros, achegas importantes para a propia sociedade mexicana, como a cinematografía de Carlos Velo e os irmáns Bilbatúa, editores como Alexandre Finisterre, arquitectos como Caridad Mateo, músicos como Bal y Gay, pintores como Arturo Souto, profesores universitarios, médicos, investigadores… Cando o presidente Lázaro Cárdenas abre as portas aos exiliados para que se instalen na república americana era moi consciente da riqueza cultural que incorporaba ao seu país, e os refuxiados así o recoñeceron e agradeceron, tamén os galegos por suposto, ata considerar México a súa segunda patria.

Florencio Delgado Gurriarán casou alá cunha filla de emigrantes, Celia Teixeiro. Xuntos formaron unha familia. Presumía de vivir na cidade de Guadalaxara, capital da antiga Nova Galicia (Jalisco). Mais nunca esqueceu a súa terra primeira, a súa «matria», en palabras de Alonso Montero: as paisaxes, as xentes, as tradicións, a lingua, o universo de Valdeorras… O seu discurso daquel día de setembro de 1981, que recuperamos agora, é unha declaración de amor e lealdade despois de máis de catro décadas de desterro. O exemplo daqueles homes e mulleres, que en circunstancias tan adversas souberon manter aceso o facho da esperanza, atravesa o río do tempo e vivifícanos, resitúanos na memoria da propia historia. Malia o que poidan dicir as crónicas, eles nunca foron os vencidos, se cadra volven á vida agora con máis forza, axigantados no relato da dignidade.