O paxaro e a súa orixinalidade

OPINIÓN

Joaquín Reina

03 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como acontece en todas as artes, a música é un proceso de imitación ata que xorde unha linguaxe propia, o idioma particular e distintivo da creación, esa sorte de iluminación, ese algo que se aparece e que, por suposto, non está ao alcance de calquera.

 

Nos últimos tempos, a saudade fai que mesmo nos conformemos cunha copia que vén restituír as ausencias do orixinal. Velaí esa morea de grupos que se dedican a emular e xa enchen estadios co nome xenérico de tributo. ABBA, AC/DC, Queen, Dire Straits, Led Zeppelin, Sabina ou Michael Jackson son algúns dos espectáculos que nestes meses andan a percorrer o país con bastante éxito.

Recoñezo que en moitos casos a copia resulta tan efectista coma a orixinal, pero endexamais deberiamos esquecer que o que estamos a premiar coa nosa asistencia a este tipo de actos é fundamentalmente a interpretación, non a creación. Son cousas moi diferentes. O virtuosismo só garante a copia. Máis nada. Lou Reed era moi malo tocando a guitarra, pero iso non lle impedía a composición de grandes temas que xa ficarán na nosa memoria musical para sempre.

Non me parece mal que algunha mocidade sexa seareira destes grupos conmemorativos que poderiamos estender ás nosas grandes orquestras que tamén arrastran o seu público fiel e masivo. Mais conviría teimar en que sempre é mellor a orixinalidade que a simple imitación.

Se queremos que se repitan os fenómenos de Tanxugueiras, Guadi Galego ou Sés, por poñermos só uns exemplos de éxito actuais na música, cumpriría que as nosas apostas de futuro vaian cara a ese horizonte creativo, onde deberiamos mercar a música e asistir a concertos para celebrarmos, sempre que sexa posible, o orixinal, non a copia. Porque, entre outras moitas razóns, por moito que alguén imite perfectamente o canto do cuco ou da rula, iso non o converte en paxaro.

Xamais.