As débedas

OPINIÓN

Lucas Figueiredo HANDOUT

08 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os anos gusto de guichar na lista anual de morosos, onde sempre se coa, entre empresas, algún personaxe procedente do mundo do espectáculo ou do fútbol. Este ano asoma en primeiro lugar Neymar e hai outros que recuncan mesmo cunha chulería de vello como é o caso de Mario Conde, afeito a figurar nesta lista da vergonza que ten como acredor ao Estado e, en definitiva, a todos nós.

Cústame moito imaxinar que alguén poida ter a conciencia tranquila debendo esas cantidades tan astronómicas. Por iso, sempre que vexo a lista lembro as miñas tres grandes débedas.

A primeira, a moto que lle ía mercar á miña irmá como compensación polas veces que lle asaltei o peto onde ela amoreaba os aforros.

A segunda, cando varios amigos montamos un grupo de rock nos anos mozos e lles pedimos aos pais que nos avalasen no banco coa promesa de lles devolvermos os cartos en canto désemos media ducia de concertos, débeda que aínda está sen saldar.

E a terceira, que non é pecuniaria, consiste nos dous libros que levei en préstamo da biblioteca pública da miña vila e nunca devolvín. Non exime a miña culpa o feito de que só tivese once anos cando decidín quedar con aqueles exemplares alleos. As dúas primeiras débedas quedan na familia, pero a terceira é pública e iso converte a miña falta en algo imperdoable.

Máis dunha vez, un bibliotecario alporizado métese nos meus soños para me reprochar a berros ese roubo. É un pesadelo tan recorrente que, mesmo o día en que me fixeron fillo predilecto da miña vila, temín que ese empregado público se presentase á hora dos discursos e lles explicase en alta voz a todos os veciños que estaban a homenaxear un ladrón que, un ano máis, encabezaba a lista de morosos.