Construíndo unha nova Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Ana Garcia

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un país é territorio, é historia, e a súa lingua, e a súa identidade, a súa maneira de estar no mundo e, sobre todo, un país é a súa xente: os galegos e as galegas de nacemento ou de adopción que senten Galiza como algo propio, como o seu lugar, o espazo desde o que proxectarse e relacionarse, no que construír o seu futuro persoal e colectivo.

Isto é o que queremos celebrar no Día da Patria, que somos unha nación que aspira a ser soberana e libre á hora de construír un país mellor para a maioría social, no que vivir e traballar, con benestar social. E queremos facelo con todos e todas, calquera que sexa a súa maneira de amar Galiza, de sentir este País.

E este 25 de xullo temos moito que celebrar porque demostramos que somos un pobo capaz de plantar cara á adversidade e facelo desde a solidariedade, que respondemos con coraxe e xenerosidade ante as dificultades.

Por iso quero expresar o meu orgullo polo pobo galego, inmenso, e non me cansarei de transmitir o noso agradecemento ás persoas que loitaron contra o virus en primeira liña, moitas delas mulleres cuxo traballo foi indispensable; expresar o noso afecto ás persoas que perderon a un ser querido en condicións moi duras; e enviar palabras de ánimo a quen está librando o seu particular combate contra o virus.

Inmersos nunha crise económica e social sen precedentes é tempo de sumar esforzos para erguer Galiza, sumar para saír adiante, pero non coas vellas receitas fracasadas, non a costa de cargar a crise sobre os mesmos ombreiros de sempre: os da clase traballadora, os da mocidade en precario, os das mulleres que soportan unha fenda salarial intolerable; nin con máis recortes en servizos sociais básicos como a sanidade ou o coidado das persoas maiores. Así non.

O compromiso do BNG é firme, rotundo e claro coa reactivación económica e social, non imos escatimar esforzo, traballo, talento, propostas en todos os eidos, e poñeremos o histórico apoio acadado nas urnas ao servizo do pobo galego. Pero que ninguén se equivoque, non deixaremos que se repita o guión da crise financeira, a nosa man tendida é por unha reconstrución a favor das maiorías.

Queremos desde agora mesmo definir a Galiza do futuro e para iso urxe poñer as bases dun nun novo paradigma que dea paso a unha economía verde, con ciencia e innovación, á recuperación do rural, á preservación do territorio e da biodiversidade, unha Galiza xusta e con oportunidades. Esa Galiza con futuro é a que tamén queremos celebrar no Día da Patria con todos os galegos e as galegas.