Poñerse ao día ou non

OPINIÓN

03 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É cousa sabida que a incorporación de España e Portugal á Unión Europea (UE) trouxo grandes cambios para os dous países. 

Son tamén ben coñecidas as consecuencias económicas que se produciron nun e noutro Estado, consecuencias que, en xeral, foron positivas, pero que agora non é momento de considerar polo extenso da análise.

Paréceme moi merecente de consideración, e ademais de maneira positiva, a posta ao día que as Forzas Armadas deste país experimentaron coa integración de España en Europa.

De sobra sabemos que a súa incorporación a un exército supranacional, moderno, no que prima a tecnoloxía, ten contribuído á modernización das súas mentalidades e á equiparación coa doutros países do contorno máis adiantados.

Que haxa ás veces algunha voz disonante non quere dicir nada en contra da xeneralidade.

O que leva máis atraso, e por iso nos semella algo doutro mundo ou de escuros tempos pasados, é a administración de xustiza dentro das Forzas Armadas, non só nos procedementos, senón máis ben nas mentalidades, polo menos a certos altos niveis, nos que predominan as actitudes represivas, propias do réxime ditatorial anterior, sobre as modernas que deben garantir os dereitos humanos.

No século XXI ninguén pode ir á cadea por cantar, por manifestar opinións -por absurdas que sexan- ou por facer políticas que non gustan ou que desgustan.

E menos aínda se para lograr isto último estordegamos o dereito sancionador para facer entrar nel supostos feitos que en ningures son conceptuados como tales delitos.

E así ocorre que hoxe as Forzas Armadas gozan de notable prestixio entre a cidadanía española, cousa que non sucede coa Administración de Xustiza, como indican todas as sondaxes.

Mala cousa para que unha democracia sexa unha verdadeira democracia. Porque esa, poñer a xustiza ao día, é a verdadeira proba pendente que seguimos tendo neste país.