As contas son a vía

Luís Villares
Luís Villares TRIBUNA

OPINIÓN

19 ene 2019 . Actualizado a las 14:33 h.

Para entender a posición de En Marea sobre os Presupostos para o 2019 cómpre ter claro que modelo de país temos para Galicia.

PP e PSOE comparten unha idea do Estado en que unhas áreas son o motor económico e social e o resto, unha «España baleira» de simples perceptores de solidariedade, que acompañan dun discurso de agradecemento pola caridade de outros.

O PSOE destaca o gasto dos orzamentos destinado a paliar situacións de emerxencia social. Aínda que estamos de acordo en que esta solidariedade é indispensable, esta estratexia non reverte a realidade socioeconómica que causa esa situación. Combate os síntomas pero non a causa.

Pois ben, En Marea non comparte este modelo. Cremos en Galicia como un país con recursos e capital humano suficiente para acadar o seu propio desenvolvemento. No concreto, un investimento que desenvolve o territorio é o aproveitamento dos nosos portos como entrada interoceánica de mercadorías a Europa, mediante a súa conexión ferroviaria. Esta actuación crea condicións de oportunidade empresarial e industrial e a súa ausencia castiga especialmente as áreas metropolitanas da Coruña e Vigo.

Un tren áxil permite ás persoas trasladarse ás áreas de traballo sen abandonar o seu lugar de residencia, o que contribúe ao equilibrio territorial, evitando o despoboamento do rural e trasladando o consumo a áreas descapitalizadas. O mesmo cabe dicir da mellora das estradas onde non chega o tren. No contexto da transición ecolóxica, o tren reduce a dependencia enerxética e mellora o medio ambiente, como tamén o saneamento da ría do Burgo, redundando na saúde e a recuperación dunha fonte de riqueza marisqueira.

As partidas de benestar deberan desenvolver a economía dos coidados, permitindo a emancipación laboral das mulleres que na Galicia envellecida exercen de coidadoras. O investimento en I+D+i en Ferrolterra no eido das renovables, o aeronáutico e a automoción non tripuladas en Vigo ou a transformación no sector agroalimentario en Lugo e Ourense permitirían a xeración de coñecemento nas universidades e un tecido empresarial innovador de grande valor engadido.

As contas deben paliar a emerxencia social que vive moita xente, pero sobre todo deben facernos saír, como sociedade, da dinámica que expulsa á mocidade á emigración por falta de futuro na propia terra.

Esta é a nosa aposta de país, contida na Axenda Galega do Cambio (de modelo) que permita crear riqueza e benestar en Galicia. Un cambio que estes orzamentos, a día de hoxe, non traen.