Novas normas de Tráfico

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

OPINIÓN

27 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son condutor de vehículos da clase B dende 1973 e non me parece ben que teña que decatarme circulando polas estradas das novas normas da circulación viaria, sen que sexan publicadas nos medios, na rede, por SMS, WhatsApp ou Instagram. En calquera caso, algunhas destas novas normas son moi axeitadas, aínda que doutras estou en total desacordo. De feito, a que para min é a máis axeitada é a supresión da obrigatoriedade de poñer o intermitente nos cambios de dirección, xa que se o condutor xa sabe por onde vai ir, ter que dicirllo aos outros é unha inxerencia no seu íntimo dereito á privacidade.

 

Tamén me parece ben a supresión dos stop, ceda o paso e a norma de preferencia da dereita nos cruces, rotondas e outras circunstancias circulantes, xa que a norma estaba moi politizada. Porque se goberna a esquerda, teríase que cambiar pola norma de preferencia da esquerda. Pero, que pasa se goberna o centro? Que norma habería que poñer?

Así que está moi ben suprimila e substituíla pola norma da preferencia do que é máis listo, máis rápido ou máis trampulleiro, e así os demais xa saben ben quen ten preferencia.

Sen embargo, estou en total desacordo con outras normas por seren discriminatorias. A principal é o dereito á exención do límite de velocidade de 120 kilómetros por hora en autoestradas, só para condutores que peitean canas ou xa non peitean nada e que conducen sempre grandes coches dos aros, da estrela ou dos cadros azuis; comprenderán que é discriminatoria para os que temos outra marca de vehículos.

Tamén estou desconforme con outras, xa que non se sabe onde se solicita a preferencia de circular en autoestradas sempre polo carril da esquerda, ou onde se pode requirir a autorización para carreiras individuais personalizadas en estradas, pistas e mesmo rúas, a mozos ao volante do rei da selva. De todos os xeitos, o máis abraiante para faceren cumprir as novas normas foi o deseño de gardas civís de tráfico invisibles que, ao non podelos ver -asegúrolles que nunca vin ningún- están así presentes en todas as vías.

Ademais, con esta invención robótica, a DGT reduce ostensiblemente o número de gardas visibles -asegúrolles que tampouco vexo ningún-, e así afórranse soldos, vestimenta, vehículos e casas cuarteis.

Sen dúbida, con esta innovación de I-D-i, a DGT fai máis con menos.