O Club Xirandela de Sarria fai 25 anos: «Cada vez hai máis nenos interesados na ximnasia rítmica»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ SARRIA / LA VOZ

SARRIA

O Club Xirandela conta actualmente con 106 integrantes de diferentes niveis e categorías
O Club Xirandela conta actualmente con 106 integrantes de diferentes niveis e categorías CEDIDA

A fundadora e adestradora, Mónica Fernández, fai un repaso pola súa historia. Este ano organizan de xeito especial polo aniversario o 23 Torneo Vila de Sarria

18 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era pequena, Mónica xa practicaba ximnasia rítmica no colexio. Sempre tivo paixón por este deporte que é «a miña liberación». Tanto que, fai 25 anos, decidiu fundar o Club Xirandela de Sarria para poder adestrar ás nenas da localidade e evitar que tivesen que desprazarse a outros lugares. «Levaba anos dando clase en varios colexios, pero dinme conta de que había nenas con posibilidades e que non era suficiente con adestrar só nas escolas», explica Mónica, que é tamén profesora de Educación Física no colexio de Sarria.

Nun primeiro momento había sete nenas. Pero agora son 106, separadas por niveis e categorías. Da súa traxectoria como adestradora e fundadora do club, Mónica destaca a evolución: «Vas medrando e aprendendo». Ademais, explica que tamén a disciplina cambiou moito durante estes anos. «Os códigos de rítmica cambian cada catro anos e van pasando por diferentes etapas. Fai tempo, por exemplo, ao mellor non se permitían detalles e hoxe podemos levar plumas», confesa. 

Ademais, falando de cambios, tamén explica que «cada vez hai máis nenos interesados nesta disciplina, aínda que sexa practicada principalmente por nenas». Mónica di que «a rítmica masculina está en auxe e que os nenos teñen cada vez máis cabida neste deporte». De feito, xa se organizan campionatos, algo que fai tempo era impensable polos prexuízos que envolven a disciplina: «Agora non hai distincións e os conxuntos incluso poden ser mixtos». 

Segundo Mónica, este deporte é «como a vida mesma porque che ensina a ganar e a perder». Ao igual que calquera outro deporte, as rapazas adquiren numerosas habilidades entre as que destaca o esforzo e o sacrificio: «O que ven os pais a final de curso ten moitas horas detrás». Recorda, tamén, que o compaxinan cos estudos e o seu tempo libre. 

O propio club, ao igual que outros da provincia, organiza numerosos torneos a nivel provincial e autonómico para prepararse para os campionatos oficiais. Este ano organizan o XXIII Torneo Vila de Sarria, ao que acudirán agrupacións de toda Galicia. Ademais, será especial con motivo do 25 aniversario do Club Xirandela.

De alumnas a profesoras

Moitas das alumnas que adestrou Mónica agora son profesoras, e tamén xuízas, deste club ou doutros coma o de Becerreá. Con todo, ela explica que non é un caso que adoite darse, porque «é un deporte no que se comeza a adestrar moi cedo e ao rematar os estudos as rapazas marchan fóra». Ademais,«é unha disciplina que require moito adestramento». 

Os logros

O Club Xirandela acadou numerosos logros ao longo da súa traxectoria. Agora mesmo a categoría xuvenil está en Nivel Base, por debaixo do Nivel Federado. Tamén durante cinco anos, dende 2012 ata o 2017, tiveron outro equipo situado neste nivel. Este último equipo, ademais, conseguiu durante cinco anos consecutivos clasificarse para o Campionato de España de Ximnasia Rítmica. 

Mónica explica que isto «é un orgullo e un gran logro para o club». E máis cando «non temos as infraestruturas axeitadas para traballar a ese nivel». Ademais, explica que non adoitan sufrir baixas por parte das alumnas co paso dos anos porque «é un deporte que engancha e, unha veces comezas, é raro que o deixes». Se ben é certo que comeza a complicarse cando as rapazas marchan estudar fóra e se afastan físicamente do club con poucas posibilidades de compaxinar o adestramento cos estudos.