O forno de Pepa Lombao acendeuse de novo para reivindicar a olaría

l.g.c. LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

A xornada incluiu a presentación dun libro, o acendido do forno, música e degustación de empanada

30 mar 2024 . Actualizado a las 21:23 h.

«Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá. Bonxe», coordinado por Luís Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga é un libro, froito dunha exhaustiva investigación, que se presentou este sábado no municipio de Outeiro de Rei no marco dunha xornada moi especial.

O forno de Pepa Lombao, que se volveu acender para unha cocción, serviu de escenario para a presentación da obra e para unha xornada lúdica que incluíu a degustación de empanada e a actuación musical das Cegas de Ouselle.

A proposta cultural e festiva veu a completar a exposición «Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós», impulsada por un grupo de estudosos e afeccionados á olería, pola Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da USC e a Fecyt. Esta mostra pode visitarse no Vello Cárcere de Lugo ata o 17 de maio.

En conxunto, todas estas iniciativas pretenden poñer en valor a riqueza da olaría na provincia de Lugo e dala a coñecer máis polo miúdo á sociedade. En abril e maio tamén están programadas máis actividades.