Os 100 días de Alvarellos na alcaldía de Lugo: do positivo que ve a rexedora ao máis do mesmo que detecta a oposición

L.G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo
Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo Óscar Cela

Alvarellos sinala que en tres meses se resolveron 400 licencias urbanísticas por un volume de negocio de 22 millóns de euros e fala dunha senda de «constrinximento no gasto»

26 abr 2024 . Actualizado a las 17:05 h.

O dito de que cada un ve a feira como lle vai nela  faise extensible á xestión municipal. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebra este sábado cen días á fronte do goberno municipal e tanto ela como a líder da oposición, Elena Candia, quixeron valorar estes tres meses. 

Fronte ao balance positivo da rexedora, contraponese a visión negativa da líder da oposición. Dous xeitos radicalmente opostos de ver o mesmo curto espazo de tempo. «O balance é moi positivo e mesmo os aspectos negativos resultan ser un aprendizaxe proveitoso», asegura Alvarellos, que tivo palabras de agradecemento para o funcionariado e que puxo en valor que este tempo foi «un aprendizaxe permanente, nos que procurei compaxinar a xestión municipal coa necesidade de atender os compromisos institucionais».

A disposición de terreos para comezar a obra da intermodal, o inicio da cesión dos predios para a comisaría de Policía Nacional, a regularización das terrazas, os pasos para iniciar a eliminación dos tapóns urbanísticos ou o avance no modelo de xestión do auditorio son algunhas das cuestións que subliña Alvarellos, que desvela como se avanzou en materia de urbanismo. 

Neste primeiro trimestre de ano se resolveron máis de 400 licenzas e títulos habilitantes que promoveron un volume de negocio estimado na cidade de 22 millóns de euros, explican dende o goberno local. 

Estes tres meses, Alvarellos marcou dúas liñas de traballo, a do funcionamento interno e a da xestión pública. «Na primeira delas ocupa un lugar prioritario para nós atender as demandas do persoal municipal e cubrir e dotar dos recursos necesarios os departamentos que agora mesmo están asumindo unha sobrecarga de traballo precisamente porque precisan dun maior número de efectivos, pero tamén podo anunciar xa que estamos abordando con rigor a senda de constrinximento no gasto, tratando de rendibilizar ao máximo os recursos económicos dos que dispoñemos e prescindindo de todo aquelo que non quedou programado nos Orzamentos. O 2024 debe ser un ano de moderación en prol da estabilidade presupostaria», describe a rexedora.

 «Tratarei de ser sempre xusta, respectando os dereitos de todos e todas», dixo a rexedora, que defende a súa escoita. Sobre as terrazas, por exemplo, sinalou que a nova ordenanza, ao igual que a apertura do auditorio, «son documentos complexos que se están redactando contando coa opinión do persoal técnico de todas as áreas implicadas para acadar que a normativa sexa o máis garantista posible e que, unha vez finalizados, se darán a coñecer ao tecido social para que poidan realizar as súas achegas».

O que non valora de xeito tan positivo Alvarellos é a labor da oposición, «máis preocupada por enlamar, ao fiel estilo do que xa estamos a vivir tamén a nivel nacional, que por buscar solucións efectivas ás necesidades reais da poboación». Acusa ao PP de dobre vara de medir no que corresponde a Concello e Xunta. 

Elena Candia, líder popular en Lugo
Elena Candia, líder popular en Lugo L.G.C.

Elena Candia: «é máis do mesmo e se entramos no detalle imos a peor»

O balance da alcaldesa dista moito do que fai a líder da oposición, Elena Candia, que sostén que «probablemente a forma que entrou a alcaldesa no goberno, sen presentarse e sen gañar nada, e froito da xenerosidade de cinco renuncias, xustifica a súa forma de traballar: de costas á cidadanía, alonxada do persoal do Concello e podendo deducirse dos seus feitos o seu descoñecemento da cidade».

A líder do PP é dura no seu balance, lembrando que Alvarellos non é unha recén chegada, senón que leva 59 meses no equipo de goberno, no que se encargou de materias como personal ou urbanismo, «das que agora quere desentenderse».

Os populares fan unha enumeración: falan de atasco en urbanismo, de retroceso na área social (grandes listas de espera con exemplos de ata 2 meses e medio no Centro do Sagrado Corazón e unha media nos restantes entre un mes e mes e medio), ou do rural «esquecido. Nin fai, nin deixa facer (12 obras paralizadas)».

Candia bota en falta un encontro co presidente da Deputación e pon o acento en que nestes meses se licitaron as privatizacións de varios servizos, como o SAF (33,9 millóns); Xantar no Fogar (500.000 euros) ou a reparación da fugas de auga as noites e en festivos (100.000 euros).

Para Candia, a xestión de Alvarellos sobresae por unha falta de talane, logo de que os sindicatos denunciasen máis dun millón de euros pendentes de pago. Lembrou as sentencias en materia de persoal en contra do Concello e lembra que a oposición tivo que acudir á Valedora do Pobo para solicitar acceso ao auditorio. «Non só a nivel interno ten unha actitude pouco dialogante senón que tamén está na folla de ruta da nova alcaldesa a confrontación coa administración autonómica buscando a crispación e o ataque gratuíto ao PP».

O PP acusa a Alvarellos de improvisar na xestión e acúsana de ter un ecoloxismo de titular. «Perdeu unha ocasión de demostrar o seu compromiso co medio ambiente unha vez desmontadas as mentiras a conta da protectora».