Ana Isabel Novo, artesá: «Mesturo técnicas de pintura e de modelado e aplícoas ao coiro»

LUGO CIUDAD

Ana Isabel Novo, artesá que comercializa baixo o nome Tres Caracoles
Ana Isabel Novo, artesá que comercializa baixo o nome Tres Caracoles Lucía Blanco

A cor e o estilo minimalista caracterizan as pezas que comercializa baixo o nome de Tres Caracoles e que elabora dende o seu obradoiro en Lugo dende hai xa dez anos

14 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Isabel Novo estaba a estudar Técnicas de Volume na Escola de Artes Aplicadas de Madrid cando tivo o seu primeiro contacto co coiro, material que non espertou nela un especial interese. Tras rematar os seus estudos, esta artesá con vocación de fotógrafa, disciplina na que tamén se formou, dedicouse á docencia e impartiu durante anos cursos de debuxo, pintura e modelado.

De volta en Galicia, o contacto con outros artesáns e a admiración polo traballo que facían foi o que a animou a retomar a labor do feito a man. Despois de coñecer as posibilidades que ofrecía o coiro, decidiu darlle outra oportunidade e acabou por montar un obradoiro no seu Lugo natal nun momento «no que non había moita competencia». Baixo o nome de Tres Caracoles, como así se chamaba a taberna na que traballou Leonardo da Vinci, esta profesional leva comercializando dende hai xa dez anos marcapáxinas, brazaletes, bolsos e cadernos co distintivo de Artesanía de Galicia.

Estilo minimalista e cor

A súa formación artística reflíctese na súa forma de traballar xa que usa a cor no coiro, «aínda que antes o que máis se vía era o natural», conta. Ademais da policromía, o estilo minimalista é outro dos trazos que comparten as súas pezas, entre as que triunfan os cintos e as billeteiras, a pesar de que as boinas de pel son as que máis chaman a atención «porque son a única que as fago neste material», recoñece.

Sabe que para poder vivir da artesanía é necesario ofrecer algo singular, polo que tamén intenta diferenciarse mediante a técnica que é outro dos seus sinais de identidade. Ana María non emprega os procedementos tradicionais senón que «mesturo técnicas de pintura e de modelado e aplícoas ao coiro, o que fai que o meu traballo sexa diferente». Nas súas creacións está moi presente o deseño grazas ao uso do buril, unha ferramenta de modelado semellante a un bolígrafo que lle permite facer debuxos de liña sinxelos cos que se afasta dos labrados máis clásicos de estilo americano.

Elaboración manual

O proceso que é totalmente artesanal comeza co deseño do patrón que realiza a man ou a ordenador, para logo facer o bosquexo co debuxo e finalmente cortar o coiro, tinguilo e coselo. Este proceso, que se pode prolongar ata case catro días no caso dun bolso, permítelle obter un produto exclusivo, único e de calidade. A materia prima tamén lle asegura que a peza perdure no tempo xa que traballa con peles de vaca, de poldro e de ovella sempre de curtido nacional e, en algúns casos, galego.

Referentes culturais como a pintora Frida Kahlo e obras cinematográficas como o filme Metrópolis de Fritz Lang inspiran as súas creacións nas que tamén teñen a súa pegada algúns acontecementos que marcan a súa vida. É o caso da colección Fibrilaciones que presenta o debuxo do electrocardiograma, un estampado que deseñou tras someterse a unha operación e espertar durante a cirurxía. Os motivos de papoulas, que formaron parte da súa primeira creación, e os símbolos celtas como o trisquel son recorrentes nas súas obras que tamén poden ser personalizadas.

Comercializa os seus produtos a través da súa páxina web, aínda que asegura que a maioría de vendas prodúcense nas feiras, polo que o parón provocado durante a pandemia tamén supuxo un golpe para o seu negocio. Os mercados de artesanía e as demostracións en vivo son á súa vez unha forma de dar a coñecer o seu traballo e de que as pezas teñan o seu recoñecemento entre o público. «Cando a xente se sorprende é cando te ve traballar, porque se non o ves facer é normal que non o valores», argumenta.

Sobre o material co que xa leva dez anos traballando destaca a súa maleabilidade e o ben que envellece porque «co tempo mellora e vaise pulindo». A evolución e o dominio da técnica resumen ben a súa traxectoria profesional xa que cando comezou «sabía o básico, pero agora coñezo máis ferramentas e tamén coñezo mellor o coiro, como responde e como hai que cortalo». Actualmente, Ana Isabel mantén o seu obradoiro na casa no que espera seguir mellorando e mantendo o seu oficio, polo menos, «mentres o corpo aguante».