A festa do leite inclúe unha cata de queixos galegos

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Os que participen poderán degustar quince produtos lácteos, visitar as instalacións da aula e recibir charlas

30 may 2018 . Actualizado a las 09:26 h.

Venres 1 • Todo o día • Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra de Lugo • De balde. Inscricións: comunicacion@aplta.es, 600 942 343 ou 600 942 347 • O Campus Terra de Lugo súmase á festa do leite cunha cata de queixos galegos este venres. A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC celebra o Día Internacional do Leite cunha xornada de portas abertas, obradoiros, charlas, exposicións e unha cata, todas elas actividades gratuítas e abertas, previa inscrición. Trátase dunha oportunidade única para os amantes do queixo, xa que poderán degustalo e afondar máis nas variedades coas que conta Galicia.

O obxectivo desta iniciativa é «fomentar o consumo de produtos lácteos entre a poboación, achegar información que permita á sociedade comprender mellor os procesos de elaboración de lácteos e dar a coñecer os labores de investigación e prestación de servizos que se desenvolven na aula».

Actividades para escolares

A xornada estrutúrase en dúas quendas: pola mañá, dirixida a escolares; e pola tarde, para o público en xeral.

A programación matinal está centrada nos escolares que, ademais de coñecer as instalacións da Aplta, tamén poderán participar en distintos obradoiros de elaboración de queixos e iogures, ademais de asistir a charlas informativas sobre alimentación saudable, participar en catas de produtos lácteos infantís... Os máis pequenos tamén poderán gozar coa visita da mascota e dalgúns xogadores do CB Breogán.

Os escolares tamén recibirán como agasallo unhas camisetas conmemorativas e un caderno de actividades relacionadas co mundo lácteo, ademais dun lote de produtos por xentileza das empresas colaboradoras: Feiraco, Capsa, Innolact, Casa Grande de Xanceda e Puleva.

Selección variada de queixo

Pola tarde haberá a xornada de portas abertas para a cidadanía, a partir das 16.30 horas. Haberá charla na sala de cursos do Cetal, visita ás instalacións da planta piloto, salas e laboratorios, exposición de Cafés Candelas, Vía Romana e Grupo da Cunha -colaboradores que ofrecerán, ademais, café, viño e pan- e, a partir das 18.15 horas, mostra-degustación de queixos galegos. Un equipo técnico da Aplta seleccionou os queixos para que fose unha mostra variada. Os fabricantes presentarán os seus produtos e despois farase a degustación. Os queixos seleccionados son os seguintes: queixo Tetilla (DOP Queso Tetilla), queixo Arzúa-Ulloa (DOP Arzúa Ulloa), queixo San Simón da Costa (DOP San Simón da Costa), queixos Cebreiro fresco e curado (DOP Cebreiro), queixo Azul Lara&Sara (Queixería Prestes), queixo Peregrino Ecolóxico (Casa Grande de Xanceda), Quescrem Natural (Innolact), queixo fresco tradicional (Arquega), queixo Touza Vella (Comocabras), queixo Marianne (Cortes de Muar), queixo Picante (Quesos Pacita), Terra (Airas Moniz) e queixo Requeixo (Coop. Campo Capela).

Ao remate, sobre as 19.45, charla, café, fotos...