Camiño de Cabeiro

Mariña Pérez Rei

BALEIRA

31 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a marea alta borra con rotundidade a cicatriz de Fonforrón, tamén o mar trae e leva a memoria. Baleira ondas contra unha nenez que fica lonxe. Será que na calor de agosto, os sentidos burbullan e revíranse máis: camiño de Cabeiro dou en pensar na adolescencia. Os tempos da escaleira de cor. Os ollos que furan e inquiren. No sendeiro que nos leva, espreitamos os segredos porosos no leito da Sagrada. E continuamos o noso paso ante o altar do mar. Deitada ao carón da costa, a igrexa respira.

É curioso que hoxe as augas estean avoltas despois da arroiada. Tamén a reminiscencia fermenta. No camiño, os pexegos novos botan o seu veludo, algún cae dando rolos e entrega a pube imberbe ao sol. A súa simple presenza crea a sede nas paseantes. Á fin enxergamos a gran pincelada adolescente que enche Cabeiro de camisetas, traxes de baño, cremas solares. A auga déixase amar. O seu aloumiño electriza a rapazada que baila unha danza propia, canta himnos de seu, sinala o horizonte cun rostro aínda por escribir. Navegan a tarde namorados da súa pel atlántica. Nós rendémonos á inocencia dos pexegos, á sombra dos sendeiros litorais e aos cánticos adolescentes nos campamentos de verán. Porque o corazón de veludo sempre conserva a carne doce, a carabuña oval e dura onde madura a alma.