Xesús Alonso Montero: «Síntome galego de Lugo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Xesús Alonso Montero, descubrindo unha placa, o 15 de decembro do 2016, na rúa da Raíña, en lembranza dos faladoiros do Méndez Núñez. Detrás del, de esquerda a dereita, aparecen a concelleira Ana Prieto, a alcaldesa, Lara Méndez e o concelleiro Miguel Fernández; ao fondo, concelleiros do PP
Xesús Alonso Montero, descubrindo unha placa, o 15 de decembro do 2016, na rúa da Raíña, en lembranza dos faladoiros do Méndez Núñez. Detrás del, de esquerda a dereita, aparecen a concelleira Ana Prieto, a alcaldesa, Lara Méndez e o concelleiro Miguel Fernández; ao fondo, concelleiros do PP ALBERTO LOPEZ

Unha homenaxe no IES Lucus Augusti lembrará o venres 19 o seu labor na cidade da muralla

15 abr 2024 . Actualizado a las 13:00 h.

Os anos do bacharelato, que son os anos da xuventude, adoitan ser decisivos para moita xente polo coñecemento que se recibe ou polas amizades que xorden nese tempo. ¿Pero son tamén decivos para quen ensinan a eses rapaces? Se se ten en conta a opinión de Xesús Alonso Montero (1928), non hai dúbida. O ensaísta e académico chegou en 1960 a Lugo, onde viviu ata mediados dos anos setenta.

Terse trasladado despois a Vigo, onde vive arestora, afastouno só en quilómetros. «Levo a Lugo no meu corazón», di o profesor, que non agacha o seu amor á cidade. Di que como bo marxista se sente cidadán do mundo, sen que iso lle impida unha debilidade explícita: «Síntome galego de Lugo», afirma.

O profesor que viviu quince anos á beira do Miño —como catedrático de Lingua e Literatura Española no Instituto Masculino (hoxe IES Lucus Augusti) e tamén, durante algún tempo, na Escola de Maxisterio (hoxe Facultade de Formación do Profesorado)— será homenaxeado o venres 19. Chegou á cidade en 1960: no instituto atopou compañeiros coma Amable Veiga, catedrático de Latín, ou Epifanio Ramos, catedrático de Francés, e tardou pouco en ser un membro habitual do faladoiro do Méndez Núñez. O profesor prefire empregar a palabra castelá e chamarlle tertulia a aquela reunión: lembra que era chamada precisamente La tertulia de los desafectos porque alí non se amosaba ningunha simpatía polo réxime franquista.

O ambiente do Méndez Núñez axiña se completou co do Círculo das Artes de Lugo, que en 1963 acolleu a exposición «Cen anos de literatura galega». Os cen anos da publicación de «Cantares gallegos» de Rosalía de Castro foron a razón desa mostra, na que tivo a axuda de Epifanio Ramos de Castro e da entidade onde se instalou: Alonso Montero lembra o labor de Ramón Varela Núñez, que lle achegou ao Círculo a sensibilidade cultural e mesmo algo antifranquista.

Entre as actividades desa data figurou unha entrevista que un estudante de bacharelato en Lugo, Fernando Ónega, lle fixo a Gala Murguía, filla da escritora. O xornalista nado en Mosteiro (Pol) é un dos moitos antigos alumnos de Alonso Montero que cos anos acadaron relevancia profesional. Algúns, ademais de Ónega, chegaron a ser coñecidos xornalistas (Fernando Salgado ou Perfecto Conde, por exemplo), e resulta ampla a lista dos vencellados directamente coa lingua e coa literatura galegas: Antón Santamarina, Darío Xoán Cabana, Claudio Rodríguez Fer, Xesús Rábade Paredes ou Fiz Vergara Vilariño son algúns deles.

O profesor lembra que na Galicia dos anos sesenta non había demasiadas figuras culturais e que xa intuía que aqueles rapaces acadarían sona: «Naquela profecía non me trabuquei», subliña. Eran tempos en que un centro de ensino tiña nunha cidade pequena unha dimensión que xa perdera nunha máis grande. «Un instituto en Madrid queda diluído na inmensidade de Madrid», afirma o profesor. As alumnas de Maxisterio, se o vían na rúa, saudábano dicíndolle ‘usted siga bien, don Jesús'.

«Había un clima»

«No instituto había un clima», reflexiona para describir o efecto do centro de ensino naqueles rapaces. Moitos deles viñan de zonas rurais e de ambientes sociais e familiares onde o galego era o idioma que se falaba acotío. Sendo profesor en Lugo, Xesús Alonso Montero publica (1973) Informe —dramático— sobre la lengua gallega, pero tamén explica aos alumnos que o galego é un idioma da familia románica coma o español ou o italiano e que o seu status pode cambiar.

Poucos dubidarán de que el axudou a mudar as cousas, mesmo con iniciativas que non resultan coñecidas para o gran público. Por iniciativa súa, dous alumnos do seu instituto traduciron unha parte do «Quixote», os capítulos de Sancho Panza como gobernador da ínsula Barataria: o labor daqueles rapaces, Miguel Lustres e Camilo Valdehorras, tivo recompensa, e a tradución publicouse na colección O Moucho.

Xesús Alonso Montero, no centro, nunha conferencia no Salón Rexio do Círculo das Artes en 1983. Con el, de pé, aparecen o xornalista Juan Soto (primeiro pola esquerda), o escritor Darío Xoán Cabana (terceiro pola esquerda) e a mestra Enriqueta Otero (sentada).
Xesús Alonso Montero, no centro, nunha conferencia no Salón Rexio do Círculo das Artes en 1983. Con el, de pé, aparecen o xornalista Juan Soto (primeiro pola esquerda), o escritor Darío Xoán Cabana (terceiro pola esquerda) e a mestra Enriqueta Otero (sentada). PEINO

Os anos lucenses chegaron tras unha curta estadía en Palencia. Antes de deixar a cidade, pasou uns meses desterrado en Montilla (Córdoba). Cando tivo que marchar de Lugo, escolleu unha cidade na que a esquerda non era allea: de feito, o Partido Comunista acadou a alcaldía nas primeiras eleccións municipais democráticas (1979). Nin así baixou o seu amor a Lugo, ata o opunto de que hoxe, proclamándose unha persoa nova, di que lle gustaría pasar na cidade os derradeiros anos da súa vida. «Lugo é a capital do mundo», subliña.

Paseos por Recatelo e bailes de fin de ano no Café do Centro, onde se afiliou ao Partido Comunista

Nado en Vigo, onde viviu os primeiros anos, Xesús Alonso Montero pasou parte da nenez e da xuventude en Ventosela (Ribadavia). Lembra dos anos en Lugo os paseos polo barrio de Recatelo, cunhas tabernas nas que daquela había o costume de cantar. Iso xéralle unha agradable lembranza, pois confesa ter esa afección. «Cantar é unha actividade humana moi dos comunistas», di, salientando ademais que se afixo a ese costume en Ventosela —«o meu conservatorio», afirma—, non nun ambiente académico.

Tamén foron importantes para el as horas pasadas no Café do Centro. Houbo momentos de lecer, coma os bailes de fin de ano, e decisións importantes, pois foi alí onde, o 1 de maio de 1962, se afiliou ao Partido Comunista de España. Pouco tardou en comezar a mandar crónicas a Radio España Indepediente, emisora do PCE coñecida popularmente como A Pirenaica.

PROGRAMA DO DÍA 19

12 horas

Os asistentes están citados no vestíbulo do IES Lucus Augusti.

12.30 horas

Homenaxe no salón de actos, presentado por Manuel Celso Matalobos. Interveñen Carlos Cazón (director), Antonio Prado Gómez, Perfecto Conde (mantedor) e varios ex alumnos (Antón Grande, Paco Martín, Pedro Figueroa, José de Cora, Arturo Reguera, Fernando Ónega, Xulio Valcárcel e Manuel Calvo). Logo intervén Xesús Alonso Montero, e pecha o acto, cunha breve actuación, Cuchus Pimentel, fillo seu e ex alumno do instituto.

14.30 horas

Xantar de confraternidade no Hotel Méndez Núñez, con varias intervencións.

«¿Qué dijo hoy ese joven catedrático del que se dice que cojea un poco del pie izquierdo?»

«Na cidade había unha certa expectativa». Xesús Alonso Montero salienta que nin el nin os que o acompañaban nos faladoiros do Méndez Núñez eran de confianza para as autoridades franquistas. O profesor adoitaba falar nas aulas de Antonio Machado ou de Federico García Lorca: «Todo iso cheiraba a comunista e tamén soaba a galeguismo», comenta. Esa sona chegaba tamén a pais de alumnos, interesados nalgúns casos por saber o que ocorría nas clases. «¿Qué dijo hoy ese joven catedrático del que se dice que cojea un poco del pie izquierdo?», preguntaban daquela e lembra agora o profesor.

Por outra banda, aqueles anos pemitíronlle viaxar varias veces a Mondoñedo na procura de datos sobre Manuel Leiras Pulpeiro, cuxas obras completas preparou nun volume.