Palabras

María L. Sández

LUGO

02 abr 2024 . Actualizado a las 21:51 h.

A lingua é un ente vivo e condiciona a nosa percepción da realidade. Hai poucos días, mudouse o texto da Constitución para modificar o xeito de denominar as persoas con discapacidade e agora a RAG aposta por cambiar a definición, no dicionario, da palabra «autismo», na que o concepto de «doenza» se cambia por «trastorno».

Hai quen pensa que isto son caralladas e que adoitan invocar aquilo de «ao pan, pan, e ao viño, viño». Mais esta postura, no seu simplismo, baséase en que «as cousas son como son» e, por máis que a afirmación sexa tautolóxica, non deixa de ser falsa: as cousas son, en grande medida, como as percibimos. De aí a importancia da linguaxe.

A linguaxe constrúe a nosa visión do mundo. Por iso as plasmacións misoxinas, racistas, homófobas ou degradantes de calquera colectivo teñen efectos reais na sociedade. As sensibilidades mudan e, ás veces, abonda ler un artigo de opinión de hai un par de décadas para sentirmos que ese seguramente hoxe empregaría unha linguaxe distinta e que, polo tanto, deitaría sobre a realidade unha ollada diferente. Aqueles que se senten perseguidos pola procura dunha linguaxe inclusiva e coidadosa coa diversidade deberían, quizais, facer unha autoanálise. Non vexo a necesidade de seguirmos empregando termos como subnormal ou maricón (agás nun exercicio de arqueoloxía) e teño, para min, que os que a ven se atopan fóra de tempo.

As inercias arraigan fondamente. Houbo xente que se resistía a eliminar as denominacións franquistas das rúas apelando á permanencia do que «fora sempre así» e ignorando que tamén eses nomes se impuxeran e borraran outros, alén do que implicaban e celebraban. Unha sociedade diversa e inclusiva non pode facerse cunha linguaxe que empurre ás marxes da exclusión todo o que saia dun parámetro estrito. Cómpre ampliarmos a linguaxe para expandirmos tamén a ollada e o mundo.