Lourdes, portavoz da plataforma que loita por abrir a residencia de Becerreá: «Os maiores dos Ancares téñense que ir a outras zonas de Galicia, deixar o seu pobo e a súa xente»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

A Plataforma Proapertura Residencia de Becerreá leva case un ano loitando xa que as obras remataron hai anos: «Nunha comarca tan envellecida é unha necesidade»

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Plataforma Proapertura Residencia de Becerreá naceu hai un ano coa finalidade de loitar pola posta en marcha deste centro de maiores, que pese a estar rematado dende hai tres anos segue coas portas pechadas. A asociación está formada por seis persoas e a portavoz é Lourdes Fernández, que precisamente traballa na axuda a domicilio e fala da situación que afrontan os maiores que se atopan sós nas súa casas dos Ancares. Ante a falla de alternativas, moitos vense obrigados a ingresar en centros espallados polo resto da comunidade, co custe psicolóxico e persoal que isto implica.

—Como comezou esta loita?

—Empezou hai 40 anos. Dende a plataforma levamos case un traballando, pero cando vemos que non había solución intensificamos a loita. Constituímola seis persoas, todas de Becerreá e ningunha afiliada a ningún partido político. Loitamos polas persoas.

—Fálenos da necesidade de abrir unha residencia en Becerreá.

—É unha poboación envellecida nunha comarca chea de xente maior. A residencia é unha necesidade. Encantaríame que alguén viñera comigo traballar para que vira as necesidades que hai. Non podemos facer milagres, estamos unha hora ou dúas con eles, pero as outras 22 están sós. Onde mellor van estar ca nunha residencia cun prato de comida quente, coidados, coas súas medicacións?

—A onde van os maiores de Becerreá que precisan estar nunha residencia?

—A calquera punto de Galicia. Abandonar o seu territorio é durísimo, onde van estar mellor que aquí, se se coñecen todos? É estar no seu entorno e coa súa xente de sempre. Se tes que meter a alguén nunha residencia váleste de calquera punto de Galicia porque non atopas praza nin en Pedrafita, que pouco hai que se abriu e ten moita lista de espera, nin en Lugo nin en Navia. Vas a onde antes che dean a praza.

—A loita é de toda a comarca?

—Aquí estamos loitando pola comarca enteira porque son necesidades de xente de As Nogais, Cervantes, Navia... Presentamos mocións en todos os concellos, e todos votaron que si, a favor. Sen cores. Hai persoas na plataforma que xa están xubiladas, e que queren quedarse no pobo, coa súa xente. E non poden facelo.

—Por que non abre?

—A residencia está feita dende hai case tres anos, que saberemos nos de por que non se abre? Se está valorada en 10 millóns de euros!

—No caso de abrir, chegarían as prazas que ofrece?

—Contempla case 100 prazas de residencia e case 50 para centro de día, pero nesta comarca tan envellecida sei que se abre hoxe en menos de seis meses está chea. Hai moita xente esperando.

—Botáronos dos plenos e tamén se manifestaron na rúa.

Botáronnos dos tres plenos aos que fomos e ata nos puxeron gardas de seguridade. Ademais, neste último limitouse o aforo, e lamentamos moito esta actitude por parte do presidente da Deputación de Lugo, xa que consideramos que está limitando a participación dos veciños. Non é democrático. Pedimos reunións e todo foron largas, presentamos mocións... E a todo dixeron que non.

—Contemplan máis accións?

—Imos seguir con manifestacións ata que entre o primeiro usuario pola porta da residencia. Hai quen loita por votos, pero eu voto polas persoas porque teño unha mai con 85 anos e non sei se terei que deixar o traballo para coidala por non ter un centro de día. E coma min hai moitísima xente que está en situacións iguais ou parecidas.