Branca Novoneyra: «O meu novo poemario é unha obra madura que levo revisionando máis de dez anos»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Branca Novoneyra presenta un novo poemario este xoves en Lugo.
Branca Novoneyra presenta un novo poemario este xoves en Lugo. CEDIDA

A filla do escritor Uxío Novoneyra presentará o seu libro «As cunchas baleiras» este xoves ás 19.00 horas na librería Trama de Lugo

01 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Branca Novoneyra (Lugo, 1976), a filla do poeta Uxío Novoneyra e presidenta da fundación que leva o nome do escritor en Parada do Courel, rompe o seu silencio poético despois de once anos de «profundización», nos que a autora decidiu tomar un tempo para poder plasma agora «a palabra xusta», despois de toda unha vida dedidacada á danza, á política e á literatura co seu poemario «As cunchas baleiras», que presentará este xoves, 1 de xuño, na librería Trama de Lugo ás 19.00 horas xunto ao seu editor Antón Lopo, e a poeta Nieves Neira. 

—Que son esas «Cunchas baleiras», que hai detrás delas?

—O título da obra poética non vai de nada e vai de todo á vez. Trátase dun proceso moi profundo sobre a realidade que eu vivín durante os últimos trece anos. Trato dende o corpo, a enfermidade ou a política, todo dende o meu prisma. A última década foi moi intensa, así que decidín facer unha antoloxía que recollese un proceso de escrita moi amplo.

—Levaba dende o ano 2012 sen publicar nada, por que escolleu este momento?

—Eu agora pecho a miña dedicación á acción política e municipal en Santiago e esta parecíame a mellor forma de voltar ao meu espazo natural, que é a creación literaria e artística. É un libro que me levou moitísimo traballo e estou moi contenta con el a verdade. Foron moitas horas escribindo e mesmo corrixindo sobre as miñas propias escritas. Aquí quero recoller as palabras verdadeiras que perduran despois de dez anos, e este foi o tempo que me levou.

—Entón foi unha elección persoal?

—Non foi unha elección como tal, trátase de algo orgánico, e penso que foi o mellor, porque un libro ten que aguantar o paso do tempo. Ao longo de once anos reflexionas e constrúes pensamentos moi interesantes sobre moitísimas situacións. En especial, para min, foron anos moi intensos e iso trasládase ao proceso de construcción. Eu tiven que parar de andar durante catro anos, polo que tampouco puiden bailar, e todo iso está recollido, á miña maneira, neste libro. Foi unha dedicación política moi forte, vivín o nacemento do meu fillo...Pasou de todo, así que todo iso forma parte da miña poesía. Non me interesa que a xente lea unha biografía, o que busco á trasladar as miñas vivencias a través do imaxinario colectivo.

—Vostede, ademais da política, dedicou toda a vida á danza e ás artes escénicas, como foi o camiño ata chegar á poesía?

—Sempre acompañei a danza cun traballo poético de fondo, pero non me puxen a escribir ata os 30 anos, unha idade xa bastante madura para un poeta, xa que a maioría comeza na xuventude por necesidade mesma. No meu caso non foi así, eu atopei inspiración máis tarde, pero é que a literatura sempre formou parte da miña vida. Ademais da obra de Uxío, eu sempre fun moi lectora, e iso, ao final, vai calando.

—Diría que comparte similitudes coa poesía do seu pai?

—Eu traballo continuamente coa palabra de Uxío porque, dende a fundación, intentamos manter vivo o seu legado, que alberga unha gran obra poética. Está claro que para min supón unha gran influencia, pero non directa. Traballar coa palabra de Uxío é moi potente, pero ninguén que lea o meu libro verá similitudes coa poesía del. A miña tamén radica nun profundo compromiso social, pero tratamos temas diferentes, porque, ao final, somos de épocas distintas.