A Rede Museística de Lugo interesa no estranxeiro

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Cristina Beard visitando os museos da Rede Museística de Lugo
Cristina Beard visitando os museos da Rede Museística de Lugo cedida

A artista de Estados Unidos, Cristina Beard, investiga a museoloxía social que ofrecen os museos da Deputación

22 ene 2023 . Actualizado a las 17:08 h.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro recibiu esta semana á investigadora e artista Cristina Beard, que viaxou desde Alemania para interesarse polo traballo que desenvolve a Rede Museística Provincial no ámbito da museoloxía social.

A investigadora estadounidense, que está a realizar unha residencia no Museum Pfalzgallerie de Kaiserslautern, en Alemania, quixo coñecer de primeira man a experiencia e metodoloxía aplicada nos museos provinciais co obxectivo de incorporala noutros museos e proxectos de desenvolvemento comunitario.

Na súa primeira toma de contacto coa institución, participou nunha xornada de seguimento da mostra colectiva «Trazando Solidariedade», promovida pola Rede Museística Provincial e as asociación integradas na Rede Lucense do Voluntariado, co obxectivo de visibilizar e recoñecer a labor voluntaria e incentivar a participación creativa das persoas que forman parte dos distintos colectivos.

Ademais, esta investigadora norteamericana achegouse ao resto de centro da Rede Museística Provincial, como son o Pazo de Tor, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Museo do Mar de San Cibrao coa fin de afondar nas particularidades do traballo que se desenvolve en cada un dos centros, vinculadas ao territorio e á comunidade na que se ubican. 

Modelo de exemplo

A Rede Museística de Lugo leva anos sendo un modelo de educación en valores, aproveitando os recursos expositivos que teñen os citados museos e integrando a colectivos de todo tipo de xéneros, idades, razas e condición social, ademais de facer partícipes aos artistas lucenses. Foi recoñecido con premios, tivo o respaldo do Thyssen e o modelo exponse en congresos e seminarios de toda España a través da invitación que recibe a xerente da Rede Provincial, Encarna Lago.

A mostra «Trazando Solidariedade», que se inaugurou en decembro, coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, manterase aberta ata o 31 de xaneiro, con distintos espazos nos que, ademais de paneis explicativos e pezas creativas que reflicten a historia e os valores das 15 entidades que forman parte da Rede Lucense de Voluntario, se ofrece ás persoas visitantes a posibilidade de facer novas achegas.