Cita en Taboada co comercio de proximidade

Carlos Cortés / carlos.cortes@lavoz.es

TABOADA

Xabier Díaz en Santa María
Xabier Díaz en Santa María REBECA

A asociaciòn ACIMTA organiza esta fin de semana a segunda edición do seu mercado Petiscos de Nadal

17 dic 2022 . Actualizado a las 19:23 h.

Taboada celebra esta fin de semana a edición número dous de Petiscos de Nadal, Mercado da Ribeira Sacra. O certame, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA), naceu no 2021 co obxectivo de promover o mercado de proximidade e os produtos locais. «O ano pasado foi de presentación e este ano consolidámolo cunha ampla variedade de artesáns, coa participación de dezasete postos no mercado máis unha mostra de un artesán da madeira. Traballamos para que sexa un evento de referencia do Nadal dentro da Ribeira Sacra, destinado a todos os públicos que queiran coñecer e mercar produtos locais de artesáns da zona e a súa vez poidan desfrutar da gastronomía da vila e da extensa oferta cultural neste fin de semana en Taboada», sinala o coordinador de ACIMTA, Iván Vázquez.

Petiscos de Nadal inclúe esta vez convocatorias o sábado e do domingo, pero a primeira é a xornada central. Este sábado, a programación comeza coa apertura ás doce do mediodía da exposición e venda de produtos na Praza de Riazón. Os postos permanecerán abertos ata as sete da tarde. Haberá artesanía, viño, produtos gastronómicos, cosmética e libros, entre outras cousas.

Ademais, están programadas diferentes actividades e concertos. Ás doce do mediodía actuarán Os Rechouchíos; ás doce e media asinará libros a poeta labrega Ana Vila Portomeñe no posto da libraría Arco Iris. Ás catro e media protagonizará unha demostración o artesán Hussein Aali-Taleb Fernández, coñecido como o «cunqueiro de Palas».

A presidenta de ACIMTA, Tamara Castro, explica que a experiencia da edición do 2021 foi boa e que por iso decidiron darle continuidade este ano. «O ano pasado a xente quedou moi contenta —apunta—, había unha ampla variedade de artesáns con diferentes produtos que motivaron as veciñas e veciños a mercar os seus agasallos de Nadal no mercado». A segunda edición, engade a presidenta da asociación, segue por esa mesma liña de traballo «con diversos postos de artesáns, coa máxima representatividade posible dentro da Ribeira Sacra e facendo unha aposta firme polos produtos locais». No mercado estaran ao dispor dos visitantes produtos de todo tipo, como mel, castañas, viños, galletas ou xeados, ademais de libros, cosméticos, decoracións con madeira ou agasallos de coiro.

Na asociación de comerciantes e industriais de Taboada traballan para ser «un punto de referencia á hora de dar a coñecer os produtos da zona, especialmente para apoiar novas propostas e iniciativas de artesáns que aporten valor». Con ese obxectivo, contan con artesáns locais e tamén doutras localidades como Carballedo, Monforte, Nogueira de Ramuín, Pantón, Paradela ou Quiroga. «Hai moita xente traballando o produto e a artesanía local, son xente con moitísimo talento e queremos darlles un espazo para que no Nadal teñan unha forma de promocionar os seus artigos e os seus traballos», explica Tamara Castro.

O mercado estará decorado con debuxos de Nadal realizados polos escolares do colexio local, aos que a organización agradece a súa colaboración.

Aínda que a xornada central sexa a do sábado, a organización tamén ten convocatorias para o venres e o domingo. Esta é, en detalle, a programación prevista para estes tres días:

Venres, 16 de decembro:

  • 19:00 horas. Concurso de tapas. A esa hora, los establecementos participantes comezarán a servir as tapas coas que concursan. Estarán dispoñibles ata as once da noite.
  • 20:00 horas. Casa da Cultura. Proxección do documental El último de Arganeo, do director de Chantada David Vázquez.

Sábado. 17 de decembro:

  • 12:00 horas. Apertura dos postos do mercado Petiscos de Nadal na praza de Riazón.
  • 13:00 horas. Actuación da banda infantil A Gramola Gominola.
  • 16:30 horas. Espectáculo e obradoiro de maxia co Mago Deimi
  • 19.00 horas. Concurso de tapas de Taboada.
  • 19.00 horas. Concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

Domingo, 18 de decembro:

  • 19:00 horas. Concurso de tapas nos establecementos locais de hostelería