O ensino na Terra de Lemos

xulio xiz

MONFORTE DE LEMOS

20 sep 2023 . Actualizado a las 11:49 h.

O profesor Pedro Gómez Álvarez ten publicado “O ensino na Terra de Lemos nos seculos XIX e XX”, do que o especialista en educación Antón Costa destaca o dinamismo e o rompemento de todas as lanzas que fagan falla en pro das escolas de todos, coa énfase que puxera Luís Bello.

Fala Gómez Álvarez do ensino en Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, nunha viaxe ao pasado, abríndonos a porta do que hoxe parece un país lonxano no espazo e no tempo, cando somos nós onte mesmo.

Como exemplo de feitos singulares que relata, moito máis ca unha anécdota, é o de que en 1910 o Reitor dos Escolapios, para manter en pé o colexio que antes fóra Seminario, vendeu ao museo de Berlín “A adoración dos Reis”, de Van der Goes, despois de ofrecerllo infructuosamente por moito menos ao Ministerio de Instrucción pública. É unha historia humana, de xentes nosas, de escolas e mestres, con feitos e cifras, chea de vida, desde os primeiros tempos ata os que moitos puidemos vivir.

É un fondo estudo da sociedade e da vida da comarca, imprescindible para os vencellados ao mundo da educación, libro de cabeceira para as xentes dó Val e de interese xeral para quen queira saber como viviron os nosos pais e avós, e como foi unha parte moi importante da historia deste país. É unha viaxe para reencontrarnos co que fomos, valorar o que temos e recoñecer os esforzos e o traballo dos que viviron antes ca nós.

Para o autor, esta obra é a satisfacción dunha “débeda íntima, persoal, nun marco de lembranzas e de afectos”, que todos debemos valorar porque este tipo de débedas hai poucos que as recoñezan e moitos menos que cheguen a satisfacelas.

.